Ana Pontón e Gonzalo Caballero súmanse á demanda para eliminar o símbolo falanxista en Celanova

Asinan un manifesto que promove o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova para lograr a retirada do monumento falanxista levantado hai máis de 80 anos en Celanova por unha unidade militar falanxista, a Bandera de Marruecos.

monumento Monte da Obra celanova
photo_camera Monumento falanxista en Celanova (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e a eurodeputada nacionalista Ana Miranda asinaron o manifesto que promove o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova para promover a retirada do monumento falanxista levantado hai máis de 80 anos en Celanova por unha unidade militar falanxista, a Bandera de Marruecos.

O manifesto, que conseguiu reunir nesta semana case 1200 apoios despois de que o martes se fixese público con más de 200 sinaturas de colectivos de memoria, historiadores, investigadores, activistas e artistas de todo o país, esixe que se aplique a Lei estatal de Memoria Histórica e avanza que o Comité levará esta proposta ao próximo pleno municipal, xa que é o Concello de Celanova, segundo a lei, a administración competente para retirar o símbolo.  

Entre os apoios recollidos nos últimos días, a nivel local, o Comité destaca as do ex alcalde Gregorio Álvarez Medela, o pintor Baldomero Moreiras e o ex director xeral de Conservación da Natureza durante o bipartito, Xosé Benito Reza. 

Tamén se sumaron á lista Darío Xohán Cabana, os poetas Baldo Ramos e Xoán Carlos Domínguez Alberte, ambos membros do Comité, o profesor Francisco Fernández Rei, Baldomero Iglesias, Mero, e o editor da revista Mazarelos, Mateo Martínez Torres, entre outros. Desde a política, o PSdeG-PSOE tamén deu o seu respaldo o xoves, a través dunha carta Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegas. 

Entre os primeiros asinantes están Xosé Luis Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero, xunto cos fillos de Celso Emilio, o de Pepe Velo (que asinou desde Brasil) e o de Luís Soto (que o fixo desde México), ademais de personalidades como Ledicia Costas e Manuel Rivas, Luis Tosar, Margarita Ledo, Nemesio Barxa, Ramón López Suevos, Yolanda Castaño, Xavier Vence, historiadores como Xosé Manuel Núñez Seixas, Aurora Marco, Dionísio Pereira ou Lorenzo Fernández Prieto, entre outros.

Comentarios