Comezan os traballos de exhumación da foxa de Castro-Pixeiros en busca de Anunciación Casado

Anunciación Casado, foi asasinada o 21 de agosto de 1936, cando tiña 38 anos, e como causa da morte as autoridades franquistas do momento sinalaron "fractura e destrución da masa cerebral".
Traballos de exhumación en Castro-Pixeiros. (Foto: USC)
photo_camera Traballos de exhumación en Castro-Pixeiros. (Foto: USC)

Un equipo multidisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela iniciou esta segunda feira os traballos de exhumación na foxa común de Castro-Pixeiros, en Viana do Bolo (comarca de Viana), no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática da Galiza. O obxectivo destes novos traballos é localizar os restos de Anunciación Casado, 'paseada' en agosto de 1936. Nos traballos participan especialistas en historiografía, antropoloxía forense, arqueoloxía e xenética.

A persoa á que tentan localizar, Anunciación Casado, foi asasinada o 21 de agosto de 1936, cando tiña 38 anos, na chamada 'curva das Revendeitas', na estrada que vai da Gudiña a Viana do Bolo. Anunciación foi inscrita no rexistro de defuncións do xulgado o 30 de agosto dese ano, e figura como causa da morte "fractura e destrución da masa cerebral", aínda que a natureza do crime e das feridas fai pensar que foi 'paseada'.

En próximas datas o equipo intervirá tamén nas foxas do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras) e no de Santa María do Val (Narón). Ademais da localización, exhumación e identificación, o Plan conta con outras liñas de traballo, relativas á divulgación dos resultados, á dignificación dos puntos de enterramento e promoción dos lugares de memoria.

Nos dous últimos anos realizáronse exhumaciones en fosas de Vilagarcía de Arousa, Crecente, Lousame, Celanova e A Capela, ademais de iniciar os traballos de investigación sobre a foxa de Serantes, en Ferrol, e a actualización do mapa de fosas, que conta co 91 localizadas —nunha ducia desas fosas, os restos foron trasladados a Cuelgamuros en diferentes anos—.

Os investigadores fixeron un chamamento ás persoas que desexen exhumar ou investigar foxas relacionadas coa violencia franquista, ou que poidan achegar información, porque a axuda dos axentes sociais e da sociedade civil "é un piar fundamental da investigación".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios