Ceuta pide á Coruña a estatua de Millán Astray retirada en 2010

Ceuta quere a estatua de Millán Astray que o Concello da Coruña ordenou retirar en 2010 en aplicación da Lei da Memoria Histórica e tras a petición de colectivos veciñais e culturais.
Un operario retira unha placa dunha rúa dedicada a Millán Astray (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Un operario retira unha placa dunha rúa dedicada a Millán Astray (Imaxe: Europa Press).

O Goberno de Ceuta que preside Juan Vivas (PP) solicitou ao Concello da Coruña a "cesión" da estatua do fundador da Lexión Española, José Millán-Astray, que foi retirada en 2010 polo Consistorio galego da praza do mesmo nome [rebautizada en 2015 como das Atochas] en aplicación da Lei da Memoria Histórica.

O portavoz do Executivo de Ceuta, Alberto Gaitán, explicou esta sexta feira en rolda de prensa que esa é unha das iniciativas que se adoptaron para "dar realce" á conmemoración do centenario da fundación da forza militar, que decorrerá este domingo, 20 de setembro, aínda que os seus actos principais tiveron que ser aprazados pola pandemia do coronavirus.

Gaitán non concretou que uso pretende darlle a Cidade Autónoma española á efixie do golpista e avanzou que se acordaría "coa Comandancia Xeral de Ceuta".

Esta semana instaláronse bandeirolas e carteis coa lema 'Ceuta e A Lexión, cen anos de unión' no Palacio autonómico, o Conxunto Monumental das Murallas Reais e o Auditorio do Revellín. Ademais, este sábado instalarase unha placa no centro da cidade autónoma, onde estaba o Cuartel do Rei no que en 1920 alistouse o primeiro lexionario.

Por riba, a melodía de 'El novio de la muerte' acompañará esta fin de semana cada hora o son das campás do reloxo da sede da Administración autonómica.

O Concello da Coruña, durante a época do bipartito, retirara as honras a Astray. Isto provocara que a Asociación Cultural e Deportiva Veteranos de La Legión recorrera á xustiza para o impedir. Acabárase determinando que a retirada das honras era legal após un proceso no cal se cruzaron sentenzas e apelacións.

O recoñecemento eliminárase en aplicación do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica, no que se prevé a retirada de "escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios