Polémica por unha homenaxe en Barro de antigos lexionarios ao xeneral franquista Millán Astray

O concello advirte que tomará medidas contra un acto non autorizado e a deputación, que en principio patrocinaba o evento, anunciou que retiraba o seu apoio ao tomar conciencia da súa natureza.

Franco e Millán Astray
photo_camera Franco e Millán Astray

Millán Astray foi fundador da Lexión española, amigo persoal de Franco e un xeneral franquista que chegou a procurador nas Cortes entre 1943 e 1954. O corpo militar que creou en 1920 tiña como obxectivo principal manter as colonias españolas no norte de África. Alí actuaron a ‘sangue e lume’, como despois farían xa na Guerra civil ao seu paso por Sevilla, Cádiz, Badaxoz… onde a pegada de terror perviviu anos.

Unha organización de antigos lexionarios organizou en Barro, na comarca de Pontevedra, unha homenaxe a Millán Astray, as ‘IV Maniobras simuladas Millán Astray’ entre 28 e 30 de abril. A polémica non tardou en xurdir. Os cartaces anunciadores contiñan como colaboradores a, ademais do Ministerio de Defensa, a Deputación de Pontevedra.

millan astray

Desde a entidade provincial axiña se desmarcaron e anunciaron, como recolle Pontevedra Viva, que retiraban a súa colaboración co encontro. A axuda limitouse á impresión de 200 cartaces, "da mesma forma que se fai co resto de solicitudes de colectivos e asociacións da provincia cando piden cartelería para a realización de actividades sociais, culturais, recreativas ou deportivas". Aseguran que na solicitude de colaboración os organizadores non comunicaron “en momento algún a verdadeira natureza do evento de homenaxe a Millán Astray, nin o nome da xornada".

A institución provincial esixiu á organización a retirada da publicidade institucional dos cartaces de divulgación do evento e expresou o seu malestar por non ser informada con veracidade sobre o contido da actividade.

Ademais, desde o Concello de Barro advertiron que estas manobras de antigos lexionarios, previstas no parque de Barosa, "non dispoñen de autorización”. O goberno local, liderado por Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), remitiu unha comunicación aos organizadores instándoos que se absteñan de realizar este evento e, ao mesmo tempo, solicitaron á Subdelegación do Goberno, que se tomen as "medidas oportunas" para evitar que teña lugar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios