A Xustiza confirma que retirar o título de 'fillo predilecto' a Millán Astray foi legal

O Superior galego dá, nunha sentenza, a razón ao bipartito PSOE-BNG na súa decisión de aplicar a Lei de Memoria Histórica para desposuír de todas as honras ao fundador da Legión no pasado período municipal, cando gobernaban en coalición na Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza --TSXG-- vén de avalar a retirada do título de fillo predilecto de A Coruña a José Millán Astray, fundador da Legión, xeneral franquista, xefe de radio, prensa e propaganda na ditadura e procurador nas Cortes, nomeado por Franco. O mesmo que berrou "¡Muera la inteligencia!" a Miguel de Unamuno, reitor da Universidade de Salamanca, despois de que este replicase o discurso dun fascista poucos días despois do golpe de estado de 1936.

Nunha sentenza de principios de maio que se coñeceu nesta terza, o Superior galego desestimou o recurso de apelación interposto pola Asociación Cultural e Deportiva Veteranos de La Legión contra a sentenza de 28 de abril de 2011. Queixábanse de que o Concello coruñés retirase as honras ao fundador de La Legión. A Xustiza resolveu agora que a retirada das honras é legal, mais polo medio houbo un cruzamento de sentenzas e apelacións.

O recoñecemento eliminouse durante a lexislatura anterior --co Goberno municipal en mans dunha coalición de PSOE e BNG--, en aplicación do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica, no que se prevé a retirada de "escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil ou da represión da ditadura".

A filla de Millán Astray presentou o primeiro dos recursos. E a principios de xullo de 2011 o xulgado do contencioso-administrativo nº 3 da Coruña acordou devolver o título honorífico ao falanxista, mais non apoiou a restitución da estatua nin o nome da praza na que estaba colocada. Argumentaron que a condición de fillo predilecto da cidade foi concedida en 1922, catorce anos antes da sublevación militar e, por conseguinte, entendeu o xulgado que "non cabe aplicar a Lei de Memoria Histórica".

Daquela, tanto Carlos Negreira como o novo Goberno municipal (PP) anunciaron que non presentarían un recurso contra esa sentenza, e que manterían a Millán Astray como fillo predilecto. O 28 de abril de 2011 coñeceuse unha nova decisión que ratificaba a retirada das honras, e que "foi ocultada á cidadanía" por parte do Goberno municipal, segundo denuncia agora o BNG da Coruña. Veteranos de La Legión si coñeceron a sentenza, e recorrérona. O acordo que agora se fai público vén desestimar aquela apelación.

Así, a sentenza que foi obxecto de recurso "confirmaba xa a legalidade da actuación de retirarlle todas as honras e distincións". Denúnciano desde o BNG da Coruña, apuntando a que a ocultación tanto da sentenza de 2011 como desta última supón "máis unha proba da falta de transparencia na xestión municipal". A formación frontista valorou a sentenza do TSXG, e cualificárona de "estacazo" á decisión adoptada polo Goberno local de non recorrer o acordo do Xulgado Contencioso Administrativo nº 3 da Coruña, de 1 de xullo de 2011, que devolvía as honras ao falanxista. "Había argumentos legais suficientes para recorrer" subliñou o BNG.

Comentarios