'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Castro Candaz, historia da Galiza asolagada baixo a auga

En Castro Candaz conflúen historia e lenda nun promontorio do Miño asolagado polo encoro de Belesar, a maior gloria do Estado franquista. Só cando baixa moito o nivel da auga se pode pasear entre muras de viñedo e construcións labregas, onde ecoan historias de mouros, de resistencia ante invasións e da memoria nobiliaria das liñaxes da contorna.

O Castro Candaz  (Foto: Mar López Sotelo).
photo_camera O Castro Candaz (Foto: Mar López Sotelo).

Cando contemplas a ribeira chantadesa co nivel da auga baixo, dáste conta de que hai tanta terra asolagada como terra á vista; comprendes a magnitude do impacto do encoro de Belesar na paisaxe e nas xentes do Miño medio que, desaloxadas dos seus fogares a mediados do século XX, aínda lembran cando espertaban co son de ríos vivos caendo polas abas do monte.

O Castro Candaz é un promontorio montañoso situado dende 1963 baixo as augas do río Miño, anegado polo encoro de Belesar.

Atópase na, outrora, confluencia das ribeiras dos ríos Miño, Enviande e A Lama, un lugar da parroquia de Santa Baia de Pedrafita, no Concello de Chantada.

O enclave é só visitable cando baixa considerablemente o nivel da auga encorada, até un vinte cinco por cento da capacidade da presa ou menos, sendo só accesible polo lado oeste, dende a zona de Xillán. É recomendable non achegar o coche máis aló deste punto.

Pertencente á parroquia de Santa Baia de Pedrafita, ao leste do núcleo denominado do Mosteiro, onde se sitúa a igrexa parroquial. Do outro lado do río, en terras do Saviñao, un fito relevante da paisaxe é a capela da Guadalupe.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios