'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Castelo de Castro de Ouro (Alfoz), historia sobre un castro celta

O Castelo de Castro de Ouro ou Torre de Pardo de Cela álzase sobre un outeiro de 105 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pertence ao concello de Alfoz, na bisbarra do Valadouro. Na mesma estrada dese municipio, o castelo encóntrase ben sinalizado e chégase a el con facilidade. Conta con boa entrada.

Castelo de Castro de Ouro (Foto: Lola López Caión).
photo_camera Castelo de Castro de Ouro (Foto: Lola López Caión).

Ao pé da torre consérvase unha edificación eclesiástica, a igrexa de San Salvador do Castro de Ouro; un fermoso cruceiro coa imaxe de Xesús Cristo; restos da muralla do castelo; a torre da homenaxe –reconstruída en parte– e outras construcións. Na contorna do castelo encóntrase o barrio do Castro, habitado, no que algunhas das súas casas foron feitas con pedras das murallas medievais.

Este é un dos seis barrios que conforman a vila do Castro de Ouro que, curiosamente, contiña dúas murallas: a do castelo, e outra maior que abranguía a toda a vila, na que se atopaban: 1) o propio barrio do Castro ou Castelo, 2) o da Fonte, 3) o da Garita, 4) o da Tafona, 5) o de Pumariño, e 6) o de Costoira. É importante ter presente esta estrutura xeográfica da vila para entender o apresamento do Mariscal Pardo de Cela (ver plano).

Desde a mesma entrada ao castelo, ofrécese unha vista panorámica espectacular de todo o Val: o ronsel do río Ouro, os lugares, os montes, así como a Pena Frouseira, onde Pardo de Cela resistiu, desde o outono do 1480 até a primavera do 1483, as tropas dos Reis Católicos e as da Santa Hermandad mindoniense, até que foi traizoado polos criados.

E que Acuña e Mudarra desfixeron non deixando pedra sobre pedra, "derruída na ribeira" di O Pranto da Frouseira, non fora ser que O Mariscal a volvese reconstruír e se fixera novamente invencíbel. Desde este miradoiro do castelo, tamén se ve a casa de Afonso Eanes, no barrio da Fonte, onde O Mariscal foi novamente traizoado e apresado.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios