domingo 12.07.2020

Carlos Monasterio, o martirio dun irmandiño

Foi un dos militantes de referencia nos tempos iniciais do movemento nacionalista. Asinante do manifesto da asemblea de Lugo en 1918, directivo da Irmandade da Fala da Coruña, candidato a concelleiro na coalición republicano nacionalista en 1922, activista no tecido social da cidade, morreu asasinado polo franquismo en Fraga, Catalunya, a onde acudira a combater contra o fascismo.

Carlos Monasterio, o segundo pola esquerda, nunha homenaxe a Viqueira  no Cemiterio de Ouces.
Bergondo 1927.
Fondo: Nomes e voces.
Carlos Monasterio, o segundo pola esquerda, nunha homenaxe a Viqueira no Cemiterio de Ouces. Bergondo 1927. Fondo: Nomes e voces.

Primeiro o cidadán. O fillo dunha costureira e dun empregado do comercio, o irmán de emigrantes en Chile, o mozo educada nuns ambientes e iniciativas de pouso cultural e social republicano, galego e de orixe popular. O estudante da Escola Profesional de Comercio da Coruña, o funcionario do corpo de habilitados nacionais da administración local, o interventor do Asilo da Coruña, do Concello de Ortigueira e xa desde finais de 1932 da Deputación da Coruña. O tesoureiro case perpetuo do Circulo de Artesáns da Coruña, o presidente da “Asociación rexional de pais  de familia para la defensa do laicismo no ensino”,  fundada no local das Irmandades da cidade, o socio do Ateneo Popular e do Centro Xerminal

Despois o militante nacionalista. O asinante do manifesto da Asemblea de Lugo de novembro de 1918, o afiliado das Irmandades da Fala desde a súa fundación, o directivo da entidade durante preto dunha década e tamén o axitador. A volta de 1923, sinalouse na campaña de actos en denuncia das matanzas de Sobredo organizado polos nacionalistas na comarca coruñesa, tomado a palabra na Laracha, en Santa Cruz do Porto, en Paiosaco, na Golada-Coristanco, en Sofán, en Santa Comba, ou en Oleiros. O porteiro de “Terra a nosa”, aquela equipa de fútbol promovida pola Irmandade da Coruña cuxa indumentaria coincidía cos cores da bandeira nacional, o socio protector escolas de ensino galego, aquela magnifica iniciativa impulsada baixa a dirección dos seus grandes amigos Anxel Casal e María Miramontes e tamén a fundación do Partido Republicano Galego e posteriormente da ORGA.

E xa para sempre o mártir da liberdade. Na liña do sector maioritario das Irmandades da Fala na Coruña non tardou en romper coa iniciativa política promovida por Casares Quiroga, de quen chegou a exercer durante un breve período na súa etapa ministerial como xefe de gabinete, ao entender que rachaba cos compromisos autonomistas que xustificaran o acordo cos nacionalistas. Nunha segunda fila da batalla política durante o período republicano, só volveu a xogar un papel activo na campaña do estatuto de xuño de 1936, ocupando diversas responsabilidades no comité de propaganda do referendo. O 18 de Xullo de 1936, vese obrigado a agocharse en Sobrado dos Monxes, detido e encarcerado, logra fuxir da cidade coa axuda da súa compañeira, a veterana nacionalista Silvina Ruibal, exiliándose en Chile, onde residían como emigrantes dous irmáns, volvendo ao Estado Español a mediados de 1937. Incorporado ao Exercito Popular, nomeado comisario político na fronte do  Ebro, morre durante un bombardeo da aviación fascista á localidade catalá de Fraga, incorporada administrativamente á comunidade de Aragón,  o 21 de decembro de 1938.

comentarios