As localidades galegas acolleron actos de solidariedade cos nacionalistas procesados

O capítulo galego do ‘Proceso de Burgos’

Hai 50 anos, o 3 de decembro de 1970, deu comezo o “Proceso de Burgos”, co que o réxime franquista pretendeu escarmentar a oposición democrática, nunha operación política, finalmente, derrotada pola mobilización popular. Galiza non ficou á marxe dunhas protestas que remataron dobregando o franquismo.
Manifestación en París en solidariedade cos nacionalistas xulgados en Burgos. (Foto: Mundo Obrero)
photo_camera Manifestación en París en solidariedade cos nacionalistas xulgados en Burgos. (Foto: Mundo Obrero)

O 3 de decembro de 1970 arrancou en Burgos un consello de guerra contra 16 nacionalistas vascos. O proceso, onde se xulgou un grupo de militantes da organización Euskadi Ta Askatasuna (ETA), estivo conducido por un tribunal militar presidido polo capitán xeneral, Tomás García Rebull, e rematou coa sentenza a pena de morte de Teo Uriarte, Jokín Goristidi, Xaivier Izko, Xavier Larena, Unai Dorronsoro e Mario Onaindia. Ao tempo, foron condenados a longos anos de prisión Bittor Arana Bilbao, Josu Abrisketa Korta, Ione Dorronsoro Ceberio, Enrique Gesalaga Larreta, Jon Etxabe Garitacelaya, Gregorio López Irasuegui, Itziar Aizpurua Egaña, Julen Calzada Ugalde e Antton Karrera Agirrebarrena.

O desenvolvemento do xuízo serviu para evidenciar a natureza antidemocrática do franquismo, para situar no primeiro plano o problema nacional vasco e doutros pobos do Estado e para internacionalizar o conflito político español. A este respecto, resultou fundamental a actitude mantida diante do tribunal por parte dos procesados e das súas defensas xurídicas, que converteron o proceso nunha sorte de causa xeral contra o réxime do xeneral Franco. Asemade, a decisión dos nacionalistas na defensa da alternativa e da motivación política da súa loita deu novos folgos á oposición democrática, significándose as mobilizacións masivas en Euskal Herria, que non tardaron en recibir a solidariedade doutros pobos do Estado e de Europa.

A reacción popular e a presión internacional obrigou, finalmente, o ditador a conmutar as seis condenas a morte. O 31 de decembro de 1970, Francisco Franco fixo pública a posición do seu Goberno de recuar na aplicación da pena capital aos militantes da ETA, após testar o apoio social ás súas demandas, decisión que foi recibida con satisfacción polo conxunto da opinión democrática que durante semanas expresou a súa solidariedade coa loita do pobo vasco. Neste contexto, as principais cidades galegas viviron xornadas de protesta en apoio aos procesados, respondendo ás convocatorias das organizacións antifranquistas.

O Partido Comunista da Galiza (PCG) non dubidou en animar ás mobilizacións, sinalando o editorial do seu voceiro, A Voz do Pobo, de decembro de 1970, que “o consello de guerra está sendo o punto converxente da presente situación política” e declarando que “o imperativo, segue sendo, pois, facer todo, todo por salvar a vida dos mozos patriotas vascos”. O outro impulsor principal das protestas no país, a Unión do Povo Galego (UPG) distribuíu o 2 de decembro unha folla voandeira onde chamou á solidariedade cos procesados, instou a mobilización en apoio á loita do pobo vasco e saudou o secuestro de Eugenio Behil, cónsul honorario en Donostia da República Federal Alemá, acción que resultou chave para a internacionalización do conflito. 

Vigo albergou as principais protestas na Galiza en apoio aos nacionalistas vascos procesados en Burgos. Así, o 3 de decembro produciuse un paro dunha hora dos traballadores dos estaleiros de Vulcano e Barreras, afirmando o voceiro do PCG que “Vigo foi tamén teatro de varias manifestacións e concentracións en solidariedade coa ETA: concentración de estudantes na rúa de Príncipe, disolvida pola policía; misa nos xesuítas; concentración obreira e manifestación que cortou o tráfico en Marqués de Valadares e berros de liberdade, amnistía e Gora Euskadi Askatuta. A manifestación na que participaron numerosas mulleres continuou até a rúa Gamboa onde hai abundantes sociedades vascas”.

Santiago de Compostela foi outro dos centros de solidariedade cos vascos. A primeira das mobilizacións decorreu o 26 de novembro, cunha marcha polas rúas da cidade, un fechamento de catro horas do estudantado na catedral co obxectivo de forzar o apoio do cardeal Quiroga Palacios e un corte de tráfico na rúa da Senra. Ao día seguinte, realizouse unha manifestación desde Mazarelos ao Toural, que rematou co canto do Himno Galego, do Venceremos nós e de Loitemos, un poema de Lois Diéguez musicado por Benedicto. Ao longo de todo o mes de decembro organizáronse diversos actos de protesta, salientando os encerros en distintas facultades, onde destacou o vivido en Filosofía e Letras. 

O apoio aos nacionalistas xulgados en Burgos tamén se deu noutras localidades galegas pero con menor incidencia. Así, en Ourense, o 29 de novembro un grupo de persoas fecháronse na catedral durante toda a xornada e remitiron unha carta ao bispo Temiño, que rexeitou a solicitude. Pola súa banda, en Ferrol levouse adiante outro fechamento na catedral, onde a solidariedade co pobo vasco partillou espazo coas reivindicación dos obreiros en folga da empresa Megasa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios