Ermida: “O franquismo nunca abandonou os seus verdugos”

Xosé Ramón Ermida Meilán (Foz,1973) é o autor de A ‘Escuadra Negra’. O operativo das milicias fascistas na comarca de Sarria que mañá se distribúe de xeito conxunto co Diario Nós dentro do coleccionábel Os nomes de terror. Aproveitamos a ocasión para conversar con el sobre os vitimarios na comarca de Sarria
Xosé Ramón Hermida, historiador
photo_camera Xosé Ramón Ermida.

O operativo das milicias falanxistas na comarca de Sarria centra o seu traballo no coleccionábel de Nós Diario Os nomes do terror, como xorden, a que lóxica responden e cal foi o seu ámbito de actuación?.

Comezando por isto último, hai que destacar que o seu ámbito de actuación excede  aos concellos que conforman a comarca de Sarria, tendo unha presenza moi activa nas áreas veciñas da Ribeira Sacra, Lugo e Os Ancares. Así, por exemplo Navia de Suarna foi tomada por un grupo falanxistas de Sarria, que remataron por instalar durante varios meses un cuartel no castelo da localidade e desenvolveron diversas accións represivas na zona dos Áncares. Estes feitos deixaron pegada na memoria popular durante moitos anos, aínda na década dos setenta, os maiores recomendábanlle aos mozos sarriaos que en Navia de Suarna non dixeran que eran de Sarria, ou na comarca dos Ancares aínda hoxe recordan os crimes cometido polo popularmente coñecidos como grupo dos “sarrianos”.

Os executores da represión paralegal contra os demócratas nunca foron perseguidos polos seus crimes

En relación, a primeira das cuestión hai que destacar que a existencia, o operativo, o funcionamento e mesmo os ilícitos das milicias fascistas foron impulsados, coñecidos  e permitidos polas diversas instancias do réxime, moi particularmente polo aparato militar que tomou as decisións chaves na organización da represión e acompañounas até os niveis máis baixos. O franquismo animou e tolerou o uso da violencia por parte das milicias como instrumento necesario na súa loita política, permitindo as prácticas corruptas dos seus membros como aspecto substancial e naturalizado naquela formación social. Os executores da represión paralegal contra os demócratas nunca foron perseguidos polos seus crimes, impóndoselle castigos exclusivamente cando entran en conflito cos poderes do réxime.

Está dicindo con isto que as motivacións de procedementos contra falanxistas como Julio López “O Garavito” ou posteriormente contra Manuel Castro Castro ou “Eirexalba” ou Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón”, que mesmo remataron coa súa execución non ten relación coa súa participación en accións represivas ou ilícitas?.

É unha evidencia. Por exemplo, no caso Julio López “O Garavito”, que coñécemos ben polas testemuñas directas dalgúns veciños e pola causa onde o condenan a morte non fica dúbida que os ilícitos cometidos a volta de 1936 e 1937 son recuperados en 1941 para fusilalo. A execución de Julio López non ten nada a ver co seu papel na persecución dos demócratas, senón con algunhas accións contra individuos sen significación política como Teodoro López ou Francisco Armesto, ou mesmo de dereitas, coma o párroco de Remesar, Manuel Pumar  ou o cura de Castro de Rei de Lemos, Francisco Ochoa, asasinado en febreiro do 37 e en cuxa morte, segundo algunhas testemuñas, está implicado.

A crueldade, a brutalidade ou a busca do lucro persoal, máis que as características persoais de Julio López, eran o patrón de conduta habitual dos grupos paramilitares que levaron adiante a represión. Actuaban na máis absoluta impunidade sabéndose apoiados por un réxime, que non só coñecía e animaba as súas actuacións, senón que as dirixía. Outro tanto acontecía con Manuel Castro “Eirexalba” ou Manuel Díaz “O Chaquetón” executados pola súa participación no asasinado dunha persoa poder real do réxime como era Manuel Saco Rivera. 

En relación con isto último, que nos pode contar sobre as razóns do asasinato de Manuel Saco Rivera, un asasinato que segue criando controversia, e as súas conexións coas altas instancias do réxime franquista?

Manuel Saco Rivera era o home forte da dereita de Sarria. Membro dunha familia abastada que viña controlando a política local ao longo da restauración, deputado do Partido Agrario Español, peza chave na trama civil do golpe do Estado de xullo de 1936 en Galiza, secretario de Nicolás Franco no primeiro Goberno da ditadura, a súa influencia era decisiva na vida política local e na Falanxe en Galiza, a través do control que exercía sobre o xefe galego, Mario González Zaera. Os seus últimos tempos estiveron marcados pola relación con Nicolás Franco, irmán do ditador, antigo secretario xeral Partido Agrario Español, co que partillou responsabilidades políticas no primeiro goberno do franquismo e negocios no Portugal de Salazar, inicio da fortuna da familia Franco.

A participación activa no aparello represivo legal ou paralegal operou como un ascensor social nos 40 da ditadura franquista

Manuel Saco Rivera  foi vítima dunha guerra de poder dentro do réxime. O contexto no que se produciu a morte de Saco Rivera e a posterior execución de Manuel Castro e Manuel Díaz, estivo definido por cinco factores ben definidos e entrecruzados. A caída en desgraza de Saco, persoa de confianza de Nicolás Franco, após o cese deste tras perder o pulso contra Serrano Suñer. A persecución dos “Hedillistas” por parte do réxime franquista  provocou a detención de varios falanxistas deste sector en Lugo e o procesamento de Mario González Zaera. A loita pola dirección da Falanxe de Sarria entre a facción de nucleada arredor de Saco Rivera e González Zaera e a  encabezada Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón”. O conflito xa clásico polo control da organización falanxista en Lugo, entre as xentes de José Viador e de Zaera, cuxo primeiro capítulo se viviu en Marzo de 1936, onde un e outro aspiraron á xefatura provincial da Falanxe. A investigación aberta a Saco Rivera  puxo a descuberto os manexos económicos de Nicolás Franco en Portugal, certificando a desaparición de cantidades de diñeiro achegadas pola Falanxe de Sarria.

Saca agora a colación o nome doutro sarriao chave nos primeiros anos do fascismo na Galiza, Mario González Zaera, xefe territorial da Falanxe o 18 de xullo de 1936, condenado á morte polo franquismo e posteriormente amnistiado, que significaría del?

Mario González Zaera foi un instrumento político en mans dunha parte das elites de Sarria e moi particularmente de Manuel Saco Rivera. Sen o seu apoio e o de Manuel Hedilla non tería conseguido ser nomeado xefe da Falanxe de Lugo e posteriormente da Galiza,  por iso a súa caída en desgraza dentro do réxime non se pode desligar da perda de poder destes dous dirixentes fascistas. Á marxe de que ficou testada a súa responsabilidade na organización do terror na comarca  de Sarria e a súa relación con múltiples casos  de corrupción o seu procesamento á volta de 1938 e a súa condena á morte estivo ligado a súa adscrición como “Hedillista” dentro da Falanxe e a persecución a que Franco somete a esta corrente. Ao final, Zaera foi amnistiado e rehabilitado polo réxime que o compensou con novas responsabilidades políticas en Madrid até que un novo caso de corrupción, ben entrada a década dos 50, o apartou do cargo. As causas abertas a Zaera son un compendio de todas as tipoloxías represivas propias do franquismo, destacando na súa vida privada e pública pola súa implicación en múltiples delitos económicos con anterioridade e posterioridade a 1936. Porén, o importante é que o franquismo nunca deixou abandonados aos seus verdugos

Que quer dicir con isto?

A participación activa no aparello represivo legal ou paralegal operou como un ascensor social nos 40 da ditadura franquista. Sen ir máis lonxe, significados membros das milicias fascistas ou da “Escuadra Negra de Sarria” exerceron de alcaldes e concelleiros en diversas localidades da comarca de Sarria, Ribeira Sacra ou Os Áncares até os anos finais da ditadura, asumindo posteriormente cargos de relevo en forzas políticas como a UCD e AP. Outros conseguiron empregos pola súa militancia nas diferentes administracións públicas e formaron como dirixentes e traballadores nas estruturas de poder do réxime, especialmente na organización sindical vertical e nas cámaras agrarias desde onde seguiron influíndo até datas ben recentes na vida política. Un exemplo paradigmático aconteceu cos cadros de persoal das policías locais das comarcas de Lugo, onde recadaron represores significados como “Cano” en Monforte, “O Lobo” en Mondoñedo, “O Eirexalba” en Sarria, “Bargueiras” en Lugo ou “Toñito das Monxas” en Ribadeo. O final dos represores  asemellase a do réxime franquista, perpetuado nos seus eixos centrais pola constitución de 1978, texto pactado coa práctica totalidade do espectro partidario Estado e coa honrosa oposición do sector hexemónico do nacionalismo galego e dunha parte do vasco e catalán.

Comentarios