Cantos galegos foron recrutados polos EUA para loitar na Segunda Guerra Mundial?

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu a coñecer no día de onte unha investigación do profesor Javier Fernández Castroagudín, en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz, que conclúe que do total de emigrantes do Estado español que foron recrutados polas forzas armadas dos EUA durante a Segunda Guerra Mundial, 30,8% procedían da Galiza.
Obelisco memorial da 1ª División de Infantería localizado en Colleville-sur-Mer, próximo ao actual cemiterio militar estadounidense. Entre os caídos, o galego Manuel Otero (Foto: Óscar Galansky).
photo_camera Obelisco memorial da 1ª División de Infantería localizado en Colleville-sur-Mer, próximo ao actual cemiterio militar estadounidense. Entre os caídos, o galego Manuel Otero (Foto: Óscar Galansky).

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu a coñecer no día de onte unha investigación do profesor Javier Fernández Castroagudín, en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz, que conclúe que do total de emigrantes do Estado español que foron recrutados polas forzas armadas dos EUA durante a Segunda Guerra Mundial, 30,8% procedían da Galiza.

Os investigadores analizaron de maneira sistemática o perfil e mais a traxectoria dos emigrantes galegos que alistou o Exército estadounidense. Fixérono a través dun proceso secuencial de busca nos rexistros militares da National Archives and Records Administration.

Segundo este estudo, foron alistados no Exército dos EUA durante a Segunda Guerra Mundial 345 emigrantes galegos dos aproximadamente 1.227 migrantes procedentes de distintos puntos do Estado español.

“Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe pode observarse a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo nas Mariñas, con Sada como o municipio máis frecuentemente rexistrado, e a zona das Rías Baixas”, explican os investigadores. O estudo tamén evidencia que o lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida.

Narrativas persoais

En canto ás narrativas persoais, afirma a USC nun comunicado de prensa, "identificáronse até a data 30 emigrantes nados na Galiza que serviron en ultramar". Deles, reportáronse 9 falecidos en combate (2 deles desaparecidos) e 19 feridos.

Trece días após o ataque xaponés a Pearl Harbor, en Hawai -o 7 de decembro de 1941-, os EUA ampliaron a obrigatoriedade de rexistro na Selective Training and Service Act de todos os homes, tamén estranxeiros, con idades entre 18 e 64 anos, e declarou seleccionábeis para o Exército todos os "homes capaces" entre 20 e 44 anos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios