'Cantar a nación': Vía Galega e Galiza Cultura presentan os actos de conmemoración da estrea do himno galego

O coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao, afirmou que "desde hai tempo vimos desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais da Galiza, o himno e a bandeira".
Presentación dos actos de conmemoración da estrea do himno galego esta cuarta feira en Santiago (Foto: Arxina).
photo_camera Presentación dos actos de conmemoración da estrea do himno galego esta cuarta feira en Santiago (Foto: Arxina).

Nunha roda de prensa de Vía Galega e Galiza Cultura desta cuarta feira, na cal estiveron presentes Anxo LouzaoViki Traveso, Carlos Vieito, Iria Nande, Laura Blanco e Loiz Froiz deron conta dos actos que teñen programados por toda Galiza para o día 20 de decembro, ás 20 horas, baixo o título ‘Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego’ para conmemorar o 116 anos da estrea, solemne, do Himno Galego no Gran Teatro de Habana.

O coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao, afirmou que "desde hai tempo vimos desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais da Galiza, o himno e a bandeira".

Un fito histórico da relevancia da estrea "oficiosa do noso himno, o 20 de decembro de 1907, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura, pois o himno é a afirmación patriótica da nación galega e mostra as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos os galegos e todas as galegas", aseverou Louzao.

“Ante a galopante españolización e a imposición de simboloxía allea a Galiza -que moitas veces promove ou apoia a propia Xunta da Galiza, no canto de realzar e propagar os nosos símbolos- Vía Galega e Galiza Cultura están empeñadas en popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado”, indican a través dun comunicado.

Por iso, este 20 de decembro nas sete cidades galegas e noutras localidades, ás oito da tarde, Vía Galega e Galiza Cultura, teñen organizado diferentes actos, con distintas actuacións, que todos eles se cerraran coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame  Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.

“Como é sabido, o noso himno está formado polas catro primeiras estrofas do poema Os Pinos de Eduardo Pondal e pola música de Pascual Veiga. O texto do himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados desde había anos”, aseguran desde Vía Galega.

A investigación do máximo especialista do noso himno, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, demostrou, xa hai máis de 30 anos, as alteracións e erros que se foron transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo nacionalismo no Parlamento e despois de 39 anos de promulgación da Lei de Símbolos de Galiza, ao día de hoxe, o texto do himno continúa sen estar corrixido, destacando alteracións de importancia. 

Reparar o himno

O último intento para reparar o himno foi a presentación e debate en setembro no Parlamento Galego da ‘Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión’, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por perto de 16.000 sinaturas que, no entanto, foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorábeis do BNG.

Louzao afirmou que "o impresentábel deste rexeitamento é que non está fundamentado en ningunha proposta que cuestione as documentadas e académicas correccións propostas polo profesor Ferreiro. Ao PP e ao PSOE non lles importa posicionarse en contra da certeza científica e carecer de argumentos para  refutar as propostas recollidas na ILP -que son as correctas e as fidedignas ao texto orixinal do noso himno, creado por Eduardo Pondal- porque o seu cuestionamento responde a un total desleixo e desconsideración a todo o que nos afirma como pobo e identifica como nación".

Os actos

Así, esta é a relación de actos para conmemorar o 116 anos da estrea do himno da Galiza en Cuba:

A Coruña

20 de decembro, ás 20 horas. Rúa Rego de auga, fronte ao teatro Rosalía, coa actuación do Coro Cántigas da Terra.

Arzúa

20 de decembro, ás 20 horas na Capela da Madalena. Actuación da Rondalla Moraima xunto coa Escola de Música e Baile tradicional galego O Bringuelo.

Santiago de Compostela

20 de decembro, ás 20 horas no Teatro Principal. Actuación de Coro Crecente, Coral Solfa e Cantigas e Agarimos.

Ferrol

20 de decembro, ás 20 horas no Centro Cultural Torrente Ballester. Actuación de Alberte Maceiras, Xoán Padín e As Revoltosas de Antónia Alarcom.

Lugo

20 de decembro, ás 20 horas na Praza Quiroga Ballesteros (Praza de Abastos). Actuación da Coral do IV Ciclo da USC e Cántigas e Flores.

Ourense

20 de decembro, ás 20.30 horas no Salón de Actos da Casa Sindical (Parque de San Lázado,12) Actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum.

Pontevedra

20 de decembro, ás 20 horas no Teatro Principal de Pontevedra. Actuación do Grupo Maravallada.

Vigo

20 de decembro, ás 20 horas no Auditorio Mar de Vigo. Actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión e Orfeón Mariñeiro do Berbés.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios