O campo de concentración de Padrón

Foi un dos campos de concentración máis duros de Galiza. Os testemuños orais e escritos achegados polos propios reclusos ou pola veciñanza de Padrón coinciden en sinalar o rigor represivo deste centro de internamento onde a tortura e o maltrato eran unha práctica corrente. Ao fin, o inferno na terra para os máis de mil prisioneiros que pasaron polo estabelecemento ao longo de dous anos. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no número 333 de Sermos Galiza.

mini_6
photo_camera Restos das instalacións

3A comezos de novembro de 1937 entra en funcionamento o campo de concentración de Padrón. As instalacións empregadas para recluír os presos políticos procedentes de todo o Estado eran unha antiga fábrica de azucre situada na parroquia de Iria, construída á volta de 1899 e que tiña cesado na súa actividade uns anos antes a consecuencia da apertura doutra fábrica das mesmas características en Caldas.

O conxunto carcerario, formado por diversas edificacións e uns predios extensos, atopábase rodeado dunha cerca de arame de espiño, encargándose da súa vixilancia unha guarnición de arredor de oitenta soldados axudados por membros da Garda Civil que se hospedaban no inmóbel que ocupa actualmente a fundación Camilo José Cela. O espazo foi escollido atendendo á súa situación estratéxica, ao estar enclavado nas proximidades dun importante nó ferroviario e ao atoparse relativamente próximo ao porto de Vilagarcía polo camiño de ferro.

O campo de concentración de Iria chegou a acoller arredor de mil reclusos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron este centro de reclusión, o centro de detención viviu dúas etapas diferenciadas definidas pola situación política do momento e a función fixada polo réxime franquista. A primeira, alongarase desde a súa posta en funcionamento até finais de 1938, formando a poboación reclusa persoas procedentes de Asturias e Euskadi, encargándose da vixilancia a Garda Civil da localidade, sendo máximo responsábel da mesma o brigada do corpo Xoán Reyes Doblado e actuando o presidio como lugar de clasificación para os detidos que eran enviados posteriormente aos campos de Rianxo e Muros. A segunda estapa arranca en febreiro de 1939 coa chegada a Padrón de máis de oitocentos presos do campo de concentración de Morrizar, en Zaragoza, e rematará co seu feche o 2 de abril de 1940, formando neste período a comuna carceraria antigos soldados do exército popular de orixe catalá.

[Podes ler a información íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios