Bueu lembra Johan Carballeira no 86º aniversario do seu fusilamento

Un documental musical honrará a memoria do poeta.
Homenaxe a Johan Carballeira no pasado ano. (Foto: Concello de Bueu)
photo_camera Homenaxe a Johan Carballeira no pasado ano. (Foto: Concello de Bueu)

Con motivo do 86º aniversario do fusilamento do alcalde de Bueu, o poeta e xornalista Johan Carballeira, o Concello desta localidade e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un programa de actos de homenaxe que decorrerán o 14 e o 16 de abril. Con eles pretenden seguir afondando na recuperación da memoria histórica e, nomeadamente, de Johan Carballeira, integrante do Partido Galeguista fusilado polas tropas fascistas o 17 de abril de 1937.

Os actos comezarán esta sexta feira coa proxección do documental Acorda, elaborado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, "co que se pretende pór en valor lugares e feitos de memoria a través da música". "É unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións".

No proxecto participan voces moi diversas do panorama musical galego actual: Tanxugueiras, Eladio Santos, Ugia Pedreira, Sheila Patricia, Ezetaerre, Su Garrido Pombo ou Uxía. En palabras da propia Uxía, Acorda busca ser tamén "un exemplo de resistencia e dignidade, unha homenaxe ás vítimas que perderon a vida na loita democracia e a liberdade, e que merecen esta visibilidade".

Ademais, domingo 17 celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira. As persoas asistentes lembraran este home, que foi alcalde de Bueu antes do golpe de Estado de 1936, ademais de poeta e xornalista "sempre a favor das causas xustas". 

Premios Johan Carballeira

Seguindo a homenaxe á figura de Carballeira, a Concellaría de Cultura de Bueu publicará a finais deste mes os traballos gañadores dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, decisión que será adoptada após a xuntanza de dous xurados conformados por persas profesionais do mundo poético e xornalístico. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios