Miguel Sande gaña o Johán Carballeira de Poesía con 'Brinde e desespero'

Miguel Sande. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Sande. (Foto: Nós Diario)

O xornalista, novelista e poeta Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johán Carballeira de Poesía, convocado polo Concello de Bueu, co poemario Brinde e desespero, escollido entre as cincuenta e sete obras presentadas.

O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo.

Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, asasinado a mans dos franquistas. Aliás, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.

Obra de Miguel Sande

O poemario galardoado continúa, segundo confesa o propio Miguel Sande, coa liña estilística e temática iniciada con Os filósofos xa non brindan con cicuta, Premio de Poesía Afundación 2019.

No eido da narrativa, Sande fíxose no 2006 co I Premio Narrativa Breve Repsol pola novela Se algún día esta muller morta, e no 2016, co García Barros por A candidata. Tamén ten na súa biografía creacións teatrais e ensaísticas, e ten participado en obras colectivas como Alma de beiramar, Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, ou 150 Cantares para Rosalía de Castro.

O Premio Johán Carballeira de Poesía ten premiado outros poetas de renome como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey e Marcos Abalde, entre outros.

O Concello de Bueu sinala nunha nota de prensa remitida aos medios que o vindeiro 3 de maio o xurado volverá reunirse para decidir a proposta gañadora na categoría de xornalismo.

Comentarios