Vagalumes celebra o centenario de Galeusca

O movemento Galeuzca, integrado polas tres nacións periféricas do Estado español, partiu da “perentoria necesidade de articular un bloque trinacional unitario e solidario”,  fronte ao “tradicional e férreo centralismo do Estado”, explican desde Vagalume.
Clara Iglesias forma parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Clara Iglesias forma parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes. (Foto: Nós Diario)

Cúmprense 100 anos da xuntanza de Barcelona na que se asinou un acordo entre as forzas da Galiza, Euskadi e Catalunya “para facer valer os seus países fronte o centralismo e a uniformación”, asinando “un pacto solidario que hoxe está outra vez de actualidade diante dos debates que se están a dar neste momento no Estado”.

Por iso, a Asociación Cultural Vagalumes conmemorará a efeméride esta semana, concretamente no serán da sexta feira, ás 20 horas do día 22, no Museo do Moble e da Madeira (Mome) da Estrada.

Para coñecer a historia desta relación de irmandade entre as tres nacións contarán “co máximo especialista nesta alianza, o profesor Xosé Estévez”, que presentará o seu libro GALEUSCA, a periferia contra o páramo.

O movemento Galeuzca, integrado polas tres nacións periféricas do Estado español, partiu da “perentoria necesidade de articular un bloque trinacional unitario e solidario”,  fronte ao “tradicional e férreo centralismo do Estado”, explican desde Vagalume.

Até 1923 as relacións reducíronse a contactos esporádicos, puntuais e bilaterais entre rexionalistas e nacionalistas cataláns e galegos ou cataláns e vascos, con momentos álxidos en 1905, 1907 e 1917-18.

Na Estrada, precisamente, deuse un deses primeiros encontros cunha carga política evidente con motivo das eleccións xerais na que se presentaba unha candidatura da Irmandade da Fala con Antón Losada Diéguez.

No mitin do 7 de febreiro de 1918, na Estrada falaron membros da Lliga de Cambó, como é o caso de Pedro Rahola e Ferrer y Vidal. “Como veremos, para estes dous tiñan reservada a acusación de subordinar os intereses galegos aos de Cataluña”, din.

Cando Carlos Pardo das Irmandades da Estrada presentou en galego os intervenientes, comezaron a asubiarlle e berrarlle "Carlitos, en castellano".

Logo interveu o catalán Ferrer y Vidal dicindo: "Falo castelán porque non son galego, se fose galego, en galego vos falaría". Xesús R. Culebras, das Irmandades, afirmou na súa intervención: "Estráñame que haxa miserábeis que censuren o emprego do idioma que falaron os nosos avós e que herdamos dos nosos pais".

Posteriormente, Porteiro apostilou: "Os rexionalistas non odiamos o castelán, non; temos amor á terra galega e aborrecemento para quen a aldraxa. Falo en galego porque nacín na Galiza, en Lugo, e estou na Estrada que pertence a Pontevedra, provincia de Galiza e antes hoxe xa non, provincia de Riestra".

Para saber máis deste momento histórico, desde a Asociación Cultural Vagalumes convidan a veciñanza “a asistir a este acto para saber máis da nosa historia e das posibilidades dun futuro mellor para a nosa Terra”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios