Galiza como nación e as orixes do Galeusca, no 'Sermos Galiza' deste sábado

Plácido Castro e o 90º aniversario do recoñecemento da Galiza como nación protagonizan o semanario que sae á venda este sábado, xunto ao xornal. Neste número tamén entrevistamos Mikel Burzako, do PNV, e viaxamos ás orixes do Galeusca.
Detalles deste novo número do semanario 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles deste novo número do semanario 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario trae mañá, 9 de setembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez o protagonista é Plácido Castro e o 90º aniversario do recoñecemento da Galiza como nación. Representantes do país participaron en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas e Xulio Ríos rememora aquel suceso a través dunha extensa reportaxe que abre o semanario.

"Plácido Castro (1902-1967) desempeñou un papel clave no fomento da actividade política exterior do galeguismo e achegou unha reflexión e un entendemento propio da causa galeguista a partir da súa propia experiencia persoal, tan rica e diferente á dos seus coetáneos. Esbozou as bases dunha política exterior propia que asentaba en tres piares básicos: a fraternidade ibérica con vascos e cataláns, a intensificación das relacións cos pobos lusitanos de ambos os dous lados do Atlántico e o estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa", salienta Ríos.

Mikel Burzako: Galeusca e Europa

Tamén da autoría de Xulio Ríos é a entrevista central deste Sermos, na que o interlocutor é Mikel Burzako Samper, responsábel de Exteriores do Partido Nacionalista Vasco (PNV), que despregou unha intensa actividade internacional, sobre todo en Europa, durante a primeira metade do século XX. Nesta conversa percorremos algúns destes fitos máis significativos que, á súa vez, condicionan as principais reivindicacións políticas a abordar proximamente por unha Europa que debe tamén dar cabida ás nacións sen Estado.

"Desde a década dos 30 apostamos polo federalismo como vía para logralo. Neste contexto, en 1933 organizouse o segundo Aberri Eguna baixo o lema ‘Euskadi Europa’, na pretensión de dar tamén unha dimensión internacional á recentemente creada Galeuzca. Este evento contou coa presenza de, entre outros, Ewal Ammende, secretario do Consello de Minorías Nacionais, e de Otero Pedraio, do Partido Galeguista", afonda Burzako.

Viaxe ás orixes do Galeuzca

Xosé Estévez asina a segunda reportaxe deste Sermos e leva por título 'O Galeuzca: o ingreso da Galiza nos Congresos de Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións'. O Galeuzca foi un movemento estratéxico de unión e solidariedade entre os nacionalismos das tres nacións, Galiza, Euskal Herria e Catalunya, cuns obxectivos moi claros: a procura dun autogoberno, dunha federación ou confederación de nacións ibéricas e, en última instancia, da independencia. Pero na conxuntura de 1933 implicaba tamén outro obxectivo: a presentación dun bloque trinacional periférico unido para integrarse no Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sección de minorías Nacionais da Sociedade de Nacións, lembra Estévez.

Os contactos trinacionais entre forzas nacionalistas galegas, vascas e catalás encetan en xuño de 1923, en resposta a un chamamento inserido no xornal La Publicitat para artellar un bloque trinacional, da recén nada e exitosa Acció Catalana (AC), liderada por Antoni Rovira i Virgili, Lluis Nicolau D'Olwer e Jaume Bofill i Mates. Nese momento, o Estado español achábase nunha conxuntura de fonda crise económica, social e política, polo que era preciso aproveitar a ocasión. Hai que ter en conta, ademais, que desde a I Guerra Mundial funcionaba unha Union des Nationalités, e desde 1925 os Congresos de Nacionalidades Europeas (CNE), ao abeiro da sección de Minorías Nacionais da Sociedade de Nacións (SDN), aos que acudían desde 1926 forzas catalanistas, representadas por esgrevios xuristas como Francesc Maspons i Anglasell.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins presentan na sección de Libros diferentes obras de estrea, a comezar por Miño. Antoloxía do relato galego actual (Xerais, 2023), de autoría colectiva, e Ula e Vinca. O feitizo da primavera (Antela Editorial, 2023), de María Brenn.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco Aqui, de Throes + The Shine, mentres Iago Suárez ofrece unha pequena escolma coas últimas novidades no sector. Aliás, César Morán asina o artigo 'Os Quadros de Mussorgosky: uma obra plena desde a origem'.

O experto en cinema Andrés Castro rememora o filme Caro Diario, do italiano Nanni Moretti (1993), que se reestrea con motivo do trixésimo aniversario. Castro tamén expón as últimas cintas en chegar á gran pantalla.

Pola súa parte, o colectivo Xea achéganos aos grandes depósitos de arxila explotados desde tempos antigos e até case a actualidade, na sección Andar e Ver, ao tempo que Manuel Xestoso, no apartado de Escena, analiza a obra As que limpan, da compañía A Panadaría.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios