xoves 26/11/20

O aparello represivo na Sada da Guerra Civil

O panorama de Sada entre xullo de 1936 e marzo de 1938 non é demasiado diferente do doutras localidades galegas. Ao rápido control do municipio por parte dos sublevados sucédelle a posta en marcha dun complexo aparello represivo. Logo, o exercicio da represión sobre as persoas consideradas desafectas, cun carácter sistemático e co estabelecemento de mecanismos deseñados desde os diferentes ámbitos do poder. 
Ramón Serra Suñer, Francisco Franco, Carmen Polo e o gobernador civil, Múñoz de Aguilar no pazo de Meirás en 1938. (Foto: Arquivo Biblioteca Nacional de España)
Ramón Serra Suñer, Francisco Franco, Carmen Polo e o gobernador civil, Múñoz de Aguilar no pazo de Meirás en 1938. (Foto: Arquivo Biblioteca Nacional de España)

Cando se produce a sublevación militar de 1936, o municipio de Sada está encadrado nun territorio referente pola implantación do movemento obreiro, do republicanismo progresista e do galeguismo. Unha realidade política plural, non exenta dunha forte conflitividade, mais sen a rotura social que si se vai producir após a destrución do marco democrático. Para reaccionar contra esa Sada diversa, aberta aos procesos modernizadores do momento, e para construír a Sada do terror e do silencio, empregaranse estruturas identificábeis.

Sada cae en mans dos sublevados apenas cinco días despois do golpe. O 23 de xullo, procedente de Betanzos, chegaba unha columna de soldados e gardas civís dirixida polo capitán Roger Oliete, facéndose co control da vila, que “apenas advirtió de modo material los efectos de estos acontecimientos”.

Porén, uns días despois a prensa daba conta do envío dunha “camioneta conduciendo números de la Guardia civil con material de combate para prestar determinado servicio en aquella villa, en la cual parece que se advertía algún movimiento anormal”, o que denota movementos de resistencia.

Sorprendentemente, o alcalde Antonio Fernández Pita, republicano sen adscrición a ningún partido, pero que viña de apoiar a Fronte Popular, non será cesado nun primeiro momento. Naqueles días, as accións dos que apoiaran o golpe víanse condicionadas aínda pola indefinición acerca do novo escenario que se quería construír. Porén, non tardará Fernández Pita en ser deposto e detido. É entón cando se procede a instaurar novas estruturas de poder desde as que xestionar o municipio en tempo de guerra e, tamén, coordinar a posta en marcha do aparello represivo. Unhas prácticas destinadas a anular ao adversario, ben mediante o seu exterminio físico, ben coa súa anulación como cidadán, agora abocado ao exilio, o ostracismo, a miseria económica ou a degradación moral.

A Administración local quedará en mans das forzas de orde, co nomeamento sucesivo por parte do Gobernador Civil de Eustaquio de Riego –tenente retirado da Garda Civil–e Emilio Molina Carreño –comandante de cabalería retirado pola Lei Azaña– como Delegados de Orden Público. Xa en setembro será designada unha comisión xestora encabezada polo mestre Manuel López Quiñoá para facerse cargo do Concello, sendo substituída en decembro pola nova corporación municipal, co comerciante Toribio Pollán Nieto como alcalde. Desaparecía todo rastro de representatividade, ao substituír os novos concelleiros ao electos en 1931.

Entre tanto, estendíase o temor e a incerteza entre as persoas que, nos anos previos, destacaran pola súa militancia política ou polo seu activismo sindical.

Os faiados, os montes, os lugares máis insospeitados, convertíanse en refuxio daqueles que, nun primeiro momento, non tiveran máis opción que agocharse á espera de coñecer o desenvolvemento dos acontecementos. A caída da veciña cidade da Coruña en mans dos golpistas afastaba calquera esperanza de recuperar o control de Sada a curto prazo.

Gustaríache proseguir coa lectura? Só tes que mercar o xornal de mañá nos quiosques ou na nosa loxa online. Se o que queres é ter todo o coleccionábel 'Os nomes do terror' nas túas mans, o máis sinxelo é que fagas a subscrición sen perder un minuto!

comentarios