'Os nomes do terror'

Manuel Pérez Lorenzo: “Na memoria oral dos vencidos, Falanxe é sinónimo de terror”

Manuel Pérez Lorenzo é autor de O aparello represivo na Sada da Guerra Civil un traballo que se distribúe mañá con Nós Diario incluído no coleccionábel Os nomes do terror. Pérez Lorenzo, coautor con Carlos Babío do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio adiántanos algunhas chaves da súa investigación.
manuel perez lorenzo
photo_camera Manuel Pérez Lorenzo

Afirmas no teu traballo que o Sada republicano destaca polo seu carácter progresista, pola forte implantación do movemento obreiro e pola presenza dunha grande pluralidade no espazo democrático, que quedou diso tras o golpe de Estado de 1936 e cal foi o alcance da represión? 

Formalmente, non quedou nada, porque o novo statu quo dos sublevados edifícase precisamente desde a anulación da pluralidade e a creación dunha identidade única forzada. Pero é que, ademais, o alcance da represión, o terror, a sensación de desconfianza permanente, a vixilancia á que as persoas son sometidas... todo iso remata por destruír unha sociedade civil construída durante décadas. Na Sada da II República estar sindicado na CNT era algo normal. O raro era non estalo. Ir a un mitin do Partido Galeguista, de Izquierda Republicana ou da CEDA, asistir a unha conferencia nun ateneo sobre hixiene no traballo, educación, economía ou a teoría da evolución de Darwin... concibíanse como actividades sociais plenamente normalizadas. O panorama após xullo de 1936 muda rotundamente. A partir de aí a esfera do público queda reservada a eventos de exaltación do novo réxime, de asistencia obrigatoria. 

Ao paso dun miliciano, calquera veciña ou veciño de Sada tiña que realizar o saúdo romano e berrar as consignas de “Viva España” e “Arriba España”, baixo advertencia de castigo severo  

A sublevación veu para rachar con procesos modernizadores que en Sada se palpaban intensamente. Así o percibimos cando lemos a prensa da época. A nova situación foi empregada polo novo poder para resolver cuestións pendentes. En Meirás, por exemplo, a veciñanza protagonizara unha rebelión contra varios propietarios agrarios, entre eles o cura, que incrementaran abusivamente as rendas das terras e expulsaran a familias de labregos que levaban centos de anos traballándoas. Logo do triúnfo da Fronte Popular, o sindicato toma a reitoral e expulsa ao cura da parroquia. Agora cambian as tornas e o aparello represivo serve para darlle a volta á tortilla. A vinganza implicará a morte de tres sindicalistas e a persecución de moitos outros. Estamos, pois, ante unha actividade represiva que persegue dous obxectivos: por unha parte, anular ao adversario exterminando aos seus referentes e infundindo terror; por outra, resolver coa forza disputas que, nun marco democrático, se resolven de formas máis complexas. 

  Cando enumeras as diversas patas do conglomerado represivo reparas na estrutura de milicias, que foi realmente a denominada “Milicia Nacional” ou “Milicia Española” e cales eran os seus obxectivos? 

Foi un corpo paramilitar de voluntarios que estaba baixo o control do Delegado de Orden Público, a persoa que, nos primeiros meses, encarnaba a representación do novo poder. Os seus compoñentes eran, polo xeral, persoas que, por diversas razóns, non foran mobilizadas para ir á fronte. Era a organización armada máis numerosa da localidade. O seu cometido teórico era a vixilancia –con todo o que isto implica– e o mantemento da orde; é dicir, da nova orde imposta polos golpistas, dunha orde que significaba a imposibilidade de opoñerse a todo o que o novo réxime representaba, a imposibilidade, mesmo, de manterse neutral. Ao paso dun miliciano, calquera veciña ou veciño de Sada tiña que realizar o saúdo romano e berrar as consignas de “Viva España” e “Arriba España”, baixo advertencia de castigo severo.  

Falanxe non aparece en Sada até agosto de 1936, liderada primeiramente por Miguel Sanjurjo Pérez e posteriormente por Guillermo del Valle Ordieres. Que papel vai xogar a formación fascista na represión? 

Efectivamente. Falanxe e a dereita de inspiración fascista non teñen presenza algunha en Sada até despois de comezada a guerra. Nos anos anteriores si existiran agrupacións do Partido Radical, do Partido Agrario Español ou da CEDA, con certo calado, pero o que non se daba era unha fractura social como a ocasionada pola sublevación. Dirixentes de partidos de dereita e esquerda convivían, por exemplo, en comisións de festas. As rúas eran un espazo de encontro, con altas doses de conflitividade, pero sen chegar a ruptura da comunidade que se produciría despois.  

Falanxe realizan o traballo suxo, os paseos, as delacións, as subscricións forzosas ou as vexacións públicas.

Falanxe aparece en agosto do 36 e axiña se ve como unha ferramenta óptima para a promoción social, para o arribismo. Quen queira prosperar no novo escenario ten en Falanxe un trampolín. Mesmo para ocupar no concello postos laborais agora vacantes, por depuración política de quen os tiña, militar en Falanxe era un mérito a ter en conta. Ademais, o partido único é, xunto coa Igrexa, un instrumento óptimo para a parafernalia de exhibición do novo réxime, coa súa presenza destacada e visible en eventos civís e relixiosos. Na memoria oral dos vencidos, Falanxe é sinónimo de terror. Son os que realizan o traballo sucio: os paseos, as delacións, as subscricións forzosas ou as vexacións públicas.

Existe unha coincidencia sobre o papel chave dos militares no aparello represivo, que significarías da súa actuación en Sada? 

Máis que do papel dos militares eu falaría do papel das forzas da orde en toda a súa pluralidade: militares, garda civil, policía. Á altura de 1936, son os que teñen a forza das armas. Nada máis ter noticia do golpe de Estado, un grupo de anarquistas diríxense a Coruña a solicitar armas do gobernador, pero volven coas mans baleiras. Cando chega unha columna de gardas civís e soldados a facerse co control de Sada, pouco poden facer. A partir de aí, o seu protagonismo vai máis alá das funcións que ata ese momento estas forzas tiñan asignadas. Os Delegados de Orden Público, máxima autoridade no concello, van proceder da Garda Civil ou do exército, e van ser quen controle aos corpos de milicianos. A policía, pola súa parte, se ben non tiña números en Sada, encargarase especificamente, a través da Comisaría de Investigación e Vixilancia da Coruña, das tarefas de investigación de antecedentes e de someter á sociedade a unha estrita vixilancia, identificando calquera conduta pública ou privada contraria ao establecido ou calquera relación comprometedora. Obviamente, pertencer a un destes corpos implicaba aceptar formar parte do aparello represivo. A alternativa xa se sabía cal era. Temos constancia do asasinato dun carabineiro da localidade, Isidro Santos, que se negou a participar nas tarefas represivas. 

Sinalas na túa investigación que a entrega do Pazo de Meirás a Francisco Franco levou aparellado a posta en marcha de mecanismos de control da sociedade especialmente estritos, en que se concretaron? 

Xa o propio proceso polo que o Pazo chega a mans de Franco implica o exercicio de represión. Persoas que son obrigadas a contribuír economicamente, familias que perden as súas terras. Pero despois o feito de que o Pazo de Meirás se converta en residencia oficial estival do xefe do Estado vai ter tamén as súas consecuencias. En primeiro lugar, a vixilancia á que é sometida a poboación cada verán, os encarceramentos preventivos de persoas sospeitosas de seren desafectas ao réxime que se repiten ano a ano na comarca mentres Franco está en Sada. E máis alá. O feito repetido de que se obrigue ao conxunto da veciñanza a participar nos actos de exaltación do ditador. Decorar o balcón coa bandeira de España, acudir a recibir a Franco realizando o saúdo fascista e entoando consignas... non eran opcións. Eran a norma imposta e difundida a través de bandos nos que os alcaldes ameazaban con sancións económicas e con algo aínda peor: a consideración de falta de patriotismo, desafección... Este é o escenario dunha Sada que, durante décadas, foi capital de verán dun réxime de terror. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios