Vía Galega e BNG homenaxean os Mártires de Carral no seu 175 aniversario

Xurxo Souto reivindicou a nación galega no acto de Vía Galega decorrido en Carral.
Acto de Vía Galega en Carral, que contou coa presenza do artista Xurxo Souto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto de Vía Galega en Carral, que contou coa presenza do artista Xurxo Souto (Foto: Nós Diario).

O BNG de Compostela organizou este sábado un acto para recordar o 175 aniversario dos acontecementos vencellados aos Mártires de Carral, os militares sublevados en diferentes puntos da Galiza contra o Goberno do xeneral Narváez, que foron fusilados na mañá do 26 de abril de 1846.

En palabras da líder local do Bloque, Goretti Sanmartín, "houbo unha xeración que abrazou Galiza como proxecto político e que comezou preocuparse para saír da situación de sometemento que padecía".

O evento contou cunha interpretación teatral de Lucho Penabade, e tamén estiveron presentes o presidente do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e deputados e deputadas, militantes e simpatizantes da formación nacionalista.

Ao fío desta homenaxe, Sanmartín lembrou que a vindeira semana se constituirá por vez primeira a Comisión municipal pola Memoria histórica impulsada polo BNG, e adiantou que o seu partido reclamará que a capital galega siga os pasos de Pontevedra e retire o nome da Avenida Xoán Carlos I.

Tamén instou a Xunta e Estado a combateren xudicialmente pola recuperación das estatuas do Mestre Mateo, especialmente tras coñecerse a última sentenza sobre o mobiliario do Pazo de Meirás, "que demostra que hai franquismo despois de Franco e que queren que sigamos a pagar aos espoliadores, a quen estivo roubando patrimonio galego".

Vía Galega

Pola súa banda, a plataforma social Vía Galega organizou un acto público conmemorativo dos feitos da coñecida como Revolución Galega de 1846 no propio municipio de Carral.

No acto, o artista Xurxo Souto deu lectura dun manifesto no que reivindicou a nación galega: "Longuísima é a súa historia; máis importante aínda o seu futuro".

"A Nación Galega rexorde na historia precisamente porque viaxamos. Cando as nosas bisavoas, os nosos bisavós cruzaron o mar e descubriron na América —Curros Enríquez, en Cuba— que non hai linguas, non hai culturas mellores nin peores. Que cando nos comprometemos co desenvolvemento da nosa nación facemos máis rica, máis digna e máis fermosa a Humanidade toda", expón o manifesto.

Comentarios