Adeus á anarquista coruñesa Joaquina Dorado

Loitou contra o franquismo, fuxiu de dous campos de concentración franceses e foi unha referenza no anarquismo catalán. A coruñesa Joaquina Dorado morría o pasado 14 de marzo na súa casa de Barcelona aos 99 anos. 

joaquinadorado
photo_camera Joaquina Dorado

Joaquina Dorado tivo unha vida de filme. Naceu na Coruña en 1917, no barrio de Santa Lucía, e no 1934 emigra coa súa familia a Barcelona, onde moi pronto se afilia á CNT e á FIJL (Federación Ibérica de Juventudes Libertarias). Participou activamente no proceso de colectivización do sector da madeira durante a Guerra Civil en Barcelona. Logo exiliouse a Francia en 1939 e foi internada en varios campos de concentración. Do primeiro, en Briançon, consegue fuxir e pasa á clandestinidade, onde participa na reconstrución do Sindicato da Fusta, polo que é detida e internada no campo de Récébédou, de onde volve fuxir. 

Regresa ao Estado español en 1946 para loitar contra a dictadura no marco do Movemento Libertario de Resistencia e é detida en 1948, sendo torturada e ingresando posteriormente na prisión de Les Corts, onde estivo tres anos. En 1956 pasou de forma clandestina a Francia, onde residiu até que en 2006 voltou a Barcelona. 

A súa morte, tres meses antes de chegar aos cen anos, tivo ampla repercusión en Cataluña, tanto nos medios como nos círculos anarquistas, dos que nunca se desvencellou. 

Homenaxe en San Simón

O primeiro recoñecemento que tivo en Galiza tivo lugar hai dez anos, en marzo de 2007, cando foi homenaxeada pola Xunta de Galicia xunto a outras trinta mulleres nun acto chamado ‘Mulleres e Memoria’. Logo, en xullo de 2008, regresou para formar parte das mulleres que relataron a súa historia nas xornadas de mulleres exiliadas na Illa de San Simón.

Alí narrou a súa historia lembrando que “España enteira foi unha grande illa de San Simón”.  Na súa palestra, afirma que foi catalogada como guerrilleira pero “non cheguei a tanto, fun enlace de guerrilleiros”, e xulgada en dous consellos de guerra. Dorado contou as dúas fuxidas dos campos de concentración franceses, aínda que se negou a dar detalles do seu período na clandestinidade, porque “estamos nunha situación moi extraña na que observo que os postos clave estános ocupando fillos de personaxes que existiron por desgracia. Non debemos falar moito disto, que é pronto”. 

O de Francia, “unha infamia”

Ademais, lembrou que se escribiu moito sobre a Guerra Civil pero moi pouco “sobre o recibimento que nos fixo o país veciño, Francia: foi unha infamia”. “Amontonáronnos aos que fuxiamos dos fascistas nas praias”, lembra,  e “alí morreron moitos nenos e vellos”, e incidiu en que Francia mesmo fusilou a Companys, presidente da Generalitat, e a Juan Peiró, militante destacado da CNT. 

Joaquina Dorado Pita (MULLERES CON MEMORIA 1.3.) from Terra e Tempo Tv on Vimeo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios