A ONU comprobará se o Goberno español 'fai os deberes' cos crimes do franquismo

O grupo de traballo sobre desaparicións forzadas e involuntarias do Consello de dereitos humanos visitará o ano que vén o Estado para verificar se está a poñer todo da súa parte para facilitar o acceso das vítimas "á verdade e ao reparo". Reclaman de Nacións Unidas que os crimes de lesa humanidade non prescriban e que se derrogue a Lei de amnistía do 77

O grupo de traballo sobre desaparicións forzadas e involuntarias do Consello de dereitos humanos das Nacións Unidas vén de anunciar que visitará o Estado español en 2013 para determinar se cumpre ou non coas súas "obrigas internacionais" relativas á investigación dos crimes do pasado.

O colectivo atende desta maneira unha reivindicación formulada xa hai catro anos, o 27 de novembro de 2008, pola Asociación española para o dereito internacional dos dereitos humanos --AEDIDH-- e reiterada, xunto con Rights International Spain este mes de marzo.

Na súa queixa facían constar os obstáculos que persisten "para levar a cabo investigacións independentes e exaustivas" dos crimes cometidos após o alzamento fascista do 36 e durante a ditadura franquista "sen as cales non pode haber acceso á xustiza, á verdade e ao reparo".

Os datos que manexan falan de 114.266 persoas ás cales fixeron desaparecer pola forza, e de 30 mil crianzas tamén desaparecidas.

A AEDIDH agarda que, tal e como fixo o Comité de dereitos humanos da ONU, o grupo de traballo recomende ao Goberno español que estabeleza unha comisión de expertos independentes, e que se garanta o recoñecemento necesario para que os crimes de lesa humanidade non prescriban.

Aliás, exixen o derrogamento da Lei de amnistía de 1977, apuntando a que "obstaculiza seriamente o dereito das vítimas a mecanismos efectivos de acceso á verdade e á xustiza".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios