A familia Franco atrasa a retirada dos bens do Pazo de Meirás

Fontes próximas á familia explicaron que esta petición ten como obxectivo un "aprazamento" até que se resolvan os procedementos pendentes nos que o Estado lles reclama a propiedade doutros bens-móbeis e documentos de Meirás.
Técnicos da Xunta  facendo o inventario de Meirás en novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Técnicos da Xunta facendo o inventario de Meirás en novembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña aceptou a solicitude da familia Franco de suspensión da dilixencia da retirada de bens do Pazo de Meirás prevista para a próxima semana, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Fontes próximas á familia explicaron que esta petición ten como obxectivo un "aprazamento" até que se resolvan os procedementos pendentes nos que o Estado lles reclama a propiedade doutros bens-móbeis e documentos de Meirás.

O citado xulgado estabelecera que a vindeira segunda feira día 26 e xornadas posteriores os Franco poderían retirar os bens autorizados polo mesmo e aqueles nos que a propiedade non foi reclamada.

Fíxoo en virtude do auto ditado no seu momento como resultado do procedemento xudicial tras a demanda que o Estado promoveu para reclamar o inmóbel.

Foi unha demanda á que se adheriron tamén a Xunta, os concellos da Coruña e Sada e a Deputación da Coruña.

Tras obter o Estado o recoñecemento do Pazo de Meirás como un ben de titularidade pública -unha decisión provisional á espera de que o Tribunal Supremo resolva o recurso presentado polos Franco-, a cuestión, no ámbito xudicial, centrouse na propiedade dos bens.

E é que a Audiencia da Coruña, dentro da fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmóbel é propiedade do Estado, confirmou que a gran maioría dos bens solicitados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior de Meirás forman parte ou pertencen ao inmóbel e, por tanto, non poden ser retirados.

Con posterioridade, o Estado presentou nos xulgados de Madrid unha demanda contra a familia do ditador na cal reclama a propiedade de 564 bens-móbeis de Meirás ante a pretensión inicial dos Franco de retiralos. Trátase de bens do Patrimonio Documental Español e bens que son de dominio público pola súa afectación ao uso do pazo como residencia oficial do xefe do Estado.

"E que, ademais, forman parte do patrimonio histórico polo seu interese histórico e tamén artístico, vinculado, por unha parte, á figura da escritora Emilia Pardo Bazán, e por outra, á actividade oficial desenvolvida durante a ditadura franquista", defende o Estado. En base a esta petición, e á espera de que avance o proceso xudicial en Madrid, o xulgado acordou que estes bens permanezan en depósito no pazo até que se resolva o preito.

Pezas autorizadas

Mentres, en base á resolución ditada no seu día polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, os Franco poderían proceder a próxima semana á retirada das únicas pezas do inventario elaborado polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta que se autorizou levar á familia. Retirada que foi suspendida esta segunda feira a pedimento dos Franco.

Trátase duns anxos de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos, que se suman a unhas alfombras de corredor, cuxa retirada foi autorizada con anterioridade.

Así mesmo, o xulgado habilitaría tamén a retirada doutros bens que non foron reclamados.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios