O PP, en contra de que os bens móbeis de Meirás sexan declarados BIC

Se a Xunta da Galiza non actúa con urxencia, a familia Franco pode retirar case 400 bens inventariados pola Xunta e non reclamados polo Estado, segundo advertiu o BNG no Parlamento galego.

O Pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en 2020.(Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O Pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado, en 2020.(Foto: M. Dylan / Europa Press).

A través dunha proposición non de lei defendida esta cuarta feira na comisión de Educación e Cultura, a deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas instou á Xunta da Galiza a “a incoar o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dos bens móbeis das Torres de Meirás [en Sada (comarca da Coruña)], que pola súa vinculación co inmóbel forman parte inseparábel del, e aplicar provisionalmente a estes bens o réxime de protección previstos para os Bens de Interese Cultural.”

Na súa intervención, a nacionalista explicou que o 5 de maio de 2021 o Parlamento galego aprobou  por “unanimidade” unha proposta do BNG para demandar da Administración xeral do Estado español as accións xudiciais pertinentes co fin de defender a titularidade pública dos bens móbeis que deben formar parte do BIC, necesarios para explicar a súa historia como   parte integrante e inseparábel do conxunto, de titularidade ou de dominio público.

Asemade, o acordo incluía traballar conxuntamente coa administración xeral do Estado español nas medidas lexislativas, cautelares e urxentes para garantir “a unidade e integridade dos bens móbeis que forman parte do BIC Torres de Meirás” e impedir un “novo saqueo dos bens resultantes do espolio franquista”.

A maiores, o acordo tamén advertía á familia do ditador Francisco Franco “a imposibilidade de retirar de Meirás todos aqueles bens que non sexan obxectos de uso estritamente persoal e privado”.

Diferentes ámbitos xudiciais

Mercedes Queixas criticou que a Xunta e o Goberno do Estado español “non se poñan de cordo”, a pesar de que poden facelo e puxo como exemplo a biblioteca de Pardo Bazán, “na que se integra unha gran cantidade de fondos bibliográficos situados en Meirás”.

A nacionalista reprobou que a día de hoxe, non se iniciara o proceso de declaración BIC e se incumpra o acordo unánime do mes de maio de 2021. “Facemos nosa”, dixo, “a preocupación da cidadanía ante o abandono do patrimonio público galego e sumámonos ás resposta social contra a resolución do Xulgado  de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que autoriza a familia Franco á retirada de determinados bens móbeis do Pazo de Meirás, como resultado da actual situación xurídica dos bens móbeis e o propio inmóbel, que seguen en diferentes ámbitos xudiciais”.

“De non actuar de urxencia”, sentenciou Queixas, “a familia Franco poderá sacar moitos bens de Meirás existentes na etapa de Pardo Bazán ou incorporados durante a ditadura”, polo que volveu a reclamar a incoación do expediente BIC para protexer os bens mobles das Torres de Meirás.

“A quen quere protexer o PP?”

Pola súa parte, o deputado do PP Carlos Gómez Salgado respondeu á deputada do BNG que os obxectos mencionados pola nacionalista non contan con “valor patrimonial destacado”, afirmación que a deputada rexeitou enerxicamente argumentando que forman parte “inseparábel” do conxunto histórico de Meirás.

Mercedes Queixas concluíu a súa intervención preguntando ao deputado popular a quen quere protexer o PP, “ao patrimonio histórico galego ou os privilexios da familia Franco”. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios