VÍDEO | 13 de decembro de 1987, cando o pobo galego ateigou as rúas na defensa do galego

Fai 35 anos a primeira gran manifestación para defender a presenza da lingua galega no ensino.
Manifestación na defensa da lingua decorrida en Compostela o 13 de decembro de 1987. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Manifestación na defensa da lingua decorrida en Compostela o 13 de decembro de 1987. (Foto: Xan Carballa)

O 13 de decembro de 1987, hai hoxe exactamente 35 anos, A Mesa pola Normalización Lingüística convocaba a primeira gran manifestación na defensa da lingua galega e dos dereitos lingüísticos da cidadanía, unha marcha que percorreu as rúas de Santiago de Compostela e desembocou nunha ateigada praza da Quintana.

Daquela histórica mobilización participaran, lembran desde a Mesa, todas as forzas políticas, sindicatos, Anpas e movementos veciñais. O motivo era a pretensión do Goberno español de "impedir que o uso do galego se estendese no ensino" recorrendo o decreto que o regulaba.

Algo semellante acontecera xa anos atrás coa aprobación da Lei de normalización lingüística da Galiza. Porén, máis unha vez, "o pobo galego reaxíu unido a favor do seu idioma", celebran desde a entidade defensora do galego.

"35 anos despois seguimos resistindo os ataques ao noso idioma. Denunciándoos en todos os ámbitos. Impulsando novas accións e reclamando que se cumpran os mínimos conquistados para que a lingua galega estea en todo e para todo", apuntan desde a Mesa.

"Mobilizacións, campañas, propostas e iniciativas populares para a galeguización do ensino, comercio, dos concellos, da xustiza, da administración, do audiovisual. Defensa e asesoramento a quen sofre discriminación polo uso do galego, denuncias en foros internacionais e parabéns e recoñecemento a quen se esforza día a día para que o galego exista", engaden.

Comentarios