Un veciño de Bueu denuncia que a súa médica intentou negarse a redactar un informe en galego

A facultativa acusou o paciente de "cortar a súa liberdade como médica".
Concello de Bueu. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concello de Bueu. (Foto: Europa Press)

Un veciño de Bueu púxose en contacto con Nós Diario para denunciar unha "vulneración" dos seus dereitos lingüísticos que tivo lugar o pasado 1 de agosto no centro de saúde do concello.

En concreto, o afectado acudiu ao centro sanitario para solicitar un informe médico que tiña que presentar ante a súa empresa. No momento de ser atendido pola facultativa, este pediulle que o escrito estivese redactado en galego, ao que a sanitaria respondeu, en castelán, "estás cortando a miña liberdade como médica" e "ti sabes que aquí hai dúas linguas, non?".

Segundo a versión do veciño, el contestou que "precisamente [por haber dúas linguas]... por iso che solicito que mo escribas nunha delas [o galego]...", ao que a facultativa preguntou se llo pedían "en galego para a empresa?". "Non, son eu quen quere que estea redactado en galego, creo que non é tanto pedir", insistiu o paciente.

A médica seguiu cuestionando sobre a petición de redactar o informe sanitario en galego, con argumentos tales como "se te atopas con alguén que non saiba galego... porque non ten por que sabelo" ou que no centro de saúde "só fala galego un facultativo, e eu chapurréoo cando vén xente maior".

Reflexión do afectado

Finalmente, o veciño conseguiu obter o seu informe redactado en galego. Un escrito que, segundo este, non ocupaba máis de dúas liñas, a pesar do cal "case tiven que saír agradecido porque me fixera o favor de redactar unha liña de informe en galego".

Neste sentido, o afectado explica que se preguntou o seguinte: "se lle solicitase o informe, xa non en inglés ou en francés, senón en español, esa outra lingua que tamén hai aquí, atoparíame coa mesma alocución que tiven que aguantar tan só por facer uso dos meus dereitos lingüísticos? Poño a man no lume a que non".

Para este veciño de Bueu, "semella obvio que non é certo na Galiza existen dúas linguas en pé de igualdade". Tamén criticou o "bilingüismo harmónico defendido" polo Goberno galego.

Aliás, acusou a Xunta de ser un "goberno lingüicida rexido polo Partido Popular (PP) e implementado, na vertente lingüística, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística".

Comentarios