Opinión

Sen igualdade entre as linguas, non hai democracia

A pasada terza feira moderei unha mesa redonda organizada polo Consello da Cultura Galega para lembrar o 75 aniversario da saída ás ondas da emisión galega da BBC. Unha iniciativa impulsada pola acción dos nacionalistas que deu voz desde o exilio á cultura galega entre 1947 e 1956 e que respondeu á vontade de gañar novos espazos sociais para o noso idioma.

Non foi a primeira emisión de radio en galego, antecedérona ducias de programas no período republicano, pero si que marcou o camiño para novas propostas erguidas desde o exilio. Pensemos no programa "Sempre en Galiza" do Uruguai, impulsado polo grupo galeguista daquel país e mantido polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo.

As emisións galegas da BBC certificaron que a reivindicación idiomática sempre foi da man das demandas democráticas. Por ese ronsel, transitaron durante toda a ditadura as iniciativas radiofónicas en galego, desde México, co seu activo exilio -este ano homenaxeado na figura de Florencio Delgado Gurriarán-, até o Portugal de abril, con aquela inesquecíbel emisión impulsada por Margarita Ledo.

A defensa de máis espazos para as linguas oficiais diferentes á española continúa a ser hoxe unha reivindicación de primeira orde. Tanto é así que o mesmo día en que conmemorábamos en Compostela o 75 aniversario da primeira emisión galega da BBC, a presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, retiráballe a palabra na Cámara Baixa ao parlamentario galego, e tamén aos cataláns e vascos por usar os seus idiomas propios.

O acordo é resultado dunha decisión unilateral de Batet e non ten aval no regulamento do Congreso, pois non prohibe o uso das linguas oficiais diferentes ao español e deixa esa posibilidade en mans da Presidencia da Cámara. Estamos, pois, diante dunha decisión política que se adopta na resaca das eleccións andaluzas e no marco dun xiro á dereita do Executivo, que compra boa parte do programa económico do PP.

Concluímos esta nova xeira de cartas cruzadas do 'Galeusca', até a volta do verán, salientando que, máis unha vez, galego, catalán, éuscaro e democracia van da man.

Comentarios