Triplícanse as queixas ante a Valedora do Pobo por vulneración de dereitos lingüísticos

Sanidade, emprego e inclusión centran as reclamacións ante a Valeduría
Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)
photo_camera Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto:A Mesa)

O número de expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos presentados diante da Valedora do Pobo triplicouse o ano pasado, pasando de 96 queixas a 261 expedientes recibidos no exercicio 2021. Un aumento importante, reflectido no Informe 2021 desta institución que a valedora, Dolores Fernández Galiño, entregou na mañá de onte ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices.

Deses 261 expedientes recibidos, a Valedora admitiu 193, mentres que remitiron 36 ao Defensor do Pobo estatal. As queixas remitidas ao Defensor referíanse, principalmente, á exclusión do galego en instalacións de ADIF; as mensaxes exclusivamente en español nas certificacións ou localizacións de envíos de Correos; dispoñibilidade só en castelán de formularios ou certificados nas sedes electrónicas de diversos Ministerios do Goberno español ou servizo estatal de emprego, así como topónimos deturpados nas paxinas web de organismos estatais. Os asuntos sobre os que se presentaron as queixas de vulneración de dereitos lingüísticos representan un amplo abano, que abrangue desde a exclusión do galego nunha exposición da Coruña até a dispoñibilidade da liña de atención sobre o coronavirus do Sergas exclusivamente en castelán, pasando por toponimia deturpada, atención exclusivamente en español por parte de persoal ou sinalización só en castelán en edificios públicos.

O informe, ademais, salienta "a intensa actividade da Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, entidades de defensa da lingua" que promoveron 234 dos 261 expedientes de queixas recibidos. 

Perto de 11.000 queixas

A Valedora do Pobo recibiu o ano pasado 10.791 queixas a inmensa maioría delas (9.436) referentes á Administración galega, mais tamén as houbo sobre consellos e deputacións (1.149 e 49 respectivamente), corporacións públicas (128 queixas) ou as universidades galegas (28).

Un dato a salientar é que case 80% das queixas presentadas estaban en galego. No informe tamén figura que a maior parte das persoas reclamantes (72%) residen no "medio urbano" mentres que 27% fano no "medio rural". O número de asuntos que deberon atender na Valeduría aumentou en 34%, ao pasar de 2.912 en 2020 a 3.936. Un total de 19.544 persoas dirixíronse á institución para presentar reclamacións ou pedir orientación e asesoramento sobre os seus problemas. 

As áreas con máis volume de asuntos foron Sanidade, 22,18% do total, Emprego Público e Traballo, 10,7%, Corporacións Locais e Servizos Municipais, con 10,56%, e Inclusión Social, con 7,45%. 

En Sanidade houbo 1.612 reclamantes, o que supón unha media superior ás catro cada día. Os temas sobre os que trataban esas queixas eran, nomeadamente, listas de espera ou déficit de persoal en centros sanitarios. 714 queixas facían referencia ao fechamento do centro de saúde de Paradela (Meis). En 2021 presentáronse máis de 5.300 reclamacións a respecto do ensino. Delas, 4.600 procedían da veciñanza de Salceda en relación ao IES Pedras Rubias.

Residencias, exclusión financeira ou LGTBfobia

O completo informe, case 800 páxinas, que onte presentou a valedora do Pobo toma o pulso ás preocupacións —expresadas a través de queixas, consultas ou peticións—da sociedade galega nun exercicio, 2021, aínda marcado pola pandemia.

Así, hai queixas pola insuficiencia das prazas nas residencias, polas listas de espera en dependencia, a exclusión financeira, os despexos ou os recortes no transporte escolar. As agresións ou discriminacións por orientación sexual e identidade de xénero tamén están recollidas neste documento, así como as dificultades nas carreiras de mulleres investigadoras interrompidas pola maternidade. A valedora advertiu de que é preciso estar en alerta fronte ao "risco do retroceso global" en dereitos humanos derivados da pandemia.

comentarios