xoves 28/01/21

A USC convoca os XVII Premios á calidade lingüística en galego

Estes galardóns teñen como obxectivo promover o emprego da lingua galega nos traballos académicos do estudantado. O departamento de Normalización Lingüística anuncia que haberá premios económicos e diplomas acreditativos.
Unha estudante nunha biblioteca da universidade. (Foto: USC)
Unha estudante nunha biblioteca da universidade. (Foto: USC)

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) anunciou hoxe a convocatoria dos XVII Premios á calidade lingüística en galego, uns galardóns que parten do Servizo de Normalización Lingüística da institución académica. As e os gañadores terán acceso a premios económicos, aliás diplomas acreditativos do correcto uso do idioma.

Fontes da USC explican que o obxectivo deste certame, que xa ten varios anos, é que apareza a lingua galega na elaboración e defensa dos traballos académicos das e dos estudantes. Ao igual que moitas clases son impartidas na lingua da Galiza, tamén se poden presentar estudos ou investigacións no mesmo idioma.

Aos premios poden concorrer as e os alumnos que teñan matrícula en vigor no curso 2020-2021 na Universidade compostelá. Son posíbeis tanto as candidaturas do alumnado de titulacións oficiais de grao como de mestrado.

O requisito fundamental é ter que defender un traballo neste ano académico e facelo en galego. A marxe para presentar os de grao finaliza o 31 de xullo mentres que aqueles que correspondan a Traballos Fin de Grao (TFG) ou Fin de Mestrado (TFM) poderán achegarse até o 30 de setembro do ano próximo.

Xurado experto

As e os interesados só teñen que facer a solicitude mediante o Rexistro Electrónico da sede dixital da USC premendo no apartado de “Solicitude xenérica”. O xurado que valorará os documentos estará formado por catro membros elixidos polo Servizo de Normalización Lingüística.

O que vai entrar en xogo neste camiño até os galardóns é “a corrección lingüística, o emprego axeitado da linguaxe de cada especialidade, a calidade coa que se redacta, a presentación dos datos e a estrutura dos traballos”.

Quince premios

As e os que superen esa fase poderán levar un dos quince premios, que estarán partillados polas diferentes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura e Humanidades)

Resérvanse cinco premios de 150 euros (e os diplomas) para os proxectos dun curso normal. Os de Fin de Grao serán tamén cinco, pero neste caso as contías ascenderán a 300 euros. Por último, os TFM levarán asignados o mesmo número de cheques de 500 euros.

comentarios