A RAG concedeulle o Día das Letras de 2015 a Filgueira Valverde por un único voto

Só un apoio máis que Celestino Fernández de la Vega, que foi o outro finalista, obtivo o ex-alcalde franquista de Pontevedra para ser o homenaxeado institucional o próximo 17 de maio, nunha decisión cuxa polémica non acouga.

Non amaina a polémica que arrodea a decisión da Real Academia Galega de conceder o Día das Letras de 2015 a Xosé Filgueira Valverde, escritor e estudoso que foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo. Segundo publica La Voz de Galicia un só voto de diferencia entre @s académic@s serviu para tomar esa decisión, posta en dúbida dende amplos sectores culturais, políticos e sociais.

Filgueira impúxose na votación final a Celestino Fernández de la Vega por un único voto, o que reabre a discusión sobre se a Academia debería manter esa aposta após o balbordo que ten ocasionado e que mesmo provocou que organizacións como A Mesa pedisen a súa retirada á vez que traballan -como outras moitas asociacións- nun 17 de maio alternativo. En todo caso, non existe indicio ningún de que a RAG pense rectificar -malia a incomodidade manifesta de moitos dos seus compoñentes, que mesmo provocou unha nota pública da súa Executiva- entre outras razóns porque a Xunta non ocultou a súa alegría pola escolla.

Perfil

Xela Arias e Carvalho Calero foron @s primeiros descartad@s dos cinco nomes propostos, sendo o de Manuel María o seguinte. Na final, impúxose Filgueira a De la Vega pola mínima, se ben o perfil de ambos deixa claro que a maioría da RAG optaba para a edición de 2015 por un persoeiro de carácter máis erudito e pechado, afastado das expansivas actividades que acompañaron eleccións máis recentes como a de Lois Pereiro ou Vidal Bolaño. O Día das Letras do ano que vén coincide coa campaña electoral das municipais.

Comentarios