Queres un calendario científico en galego?

Presentan o Calendario Científico Escolar 2022, que xa se pode descargar, e no que colaborou a Universidade da Coruña, elaborando a versión en galego.
Páxina de xaneiro do Calendario Científico Escolar 2022. (Foto: UDC)
photo_camera Páxina de xaneiro do Calendario Científico Escolar 2022. (Foto: UDC)

Xa está dispoñíbel o Calendario Científico Escolar 2022, dirixido principalmente ao alumnado de primaria e secundaria, coa colaboración da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), que desenvolveu a versión en galego, xunta o Consello Superior de Investigacións Científicas.

No calendario incorpóranse 365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico, como o nacemento de distintos persoeiros ou conmemoracións de achegas destacábeis.

A UDC pon o foco en que a iniciativa “pretende contribuír a achegar a cultura científica á poboación máis nova e crear referentes o máis próximos posíbeis a ela”.

Neste sentido, o traballo profunda en persoas e achados “que sexan referencias para a xuventude e ao mesmo tempo dean unha visión de dinamismo e actualidade”.

Un dos aspectos específicos desta edición é o “fomento da linguaxe non sexista e o aumento da visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas”, promovendo modelos con vocación científica, así como a divulgación das investigacións a nivel estatal.

Formato accesíbel

Onda o calendario, acompáñase unha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal, nun formato que permite a impresión caseira e accesíbel para sintetizadores de voz, lectores de pantalla ou liñas Braille.

Ademais do calendario en galego, que se pode descargar nesta ligazón, desenvolvéronse versións en castelán, galego, catalán, asturiano, éuscaro, aragonés, inglés, francés, esperanto e árabe.

Comentarios