“A sentenza do Tribunal Superior ratificada polo Supremo ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego”, afirma Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa, “como evidencia o feito de seren aprobadps e acordados por unanimidade das forzas políticas con representación no pleno municipal”.
Segundo Maceira, o ditame agocha “prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados pola extrema dereita para agredir a lingua galega e as persoas que queren utilizala, que fortalecen a consideración do galego como un idioma inferior”.
Queremos Galego considera que o alto tribunal estatal pretende “pór límites á oficialidade da lingua galega e impedir que manteña a igualdade respecto do castelán. Estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto”.
A plataforma, que compoñen “máis de 700 entidades”, chama a unha concentración perante o Concello de Lugo a vindeira cuarta feira, 6 de marzo, “en mostra de repulsa a unha sentenza ideolóxica”.