andacamiños.- (Ademais doutros significados) Mozo informal, co que no se ten unha relación seria.
Exemplo.- "Se ela di que non ten mozo, ese será un andacamiños.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Outros apuntamentos.- Ten o mesmo significado que rascamaseiras ou rasca.
bioucho/a.- Aplícase ás persoas que viven soas, illadas, desamparadas, que tamén teñen aspecto de padecer penurias (desfarrapados/as, padecendo inclemencias e outras calamidades).
Exemplo.- "E coa horta teñen de abondo, para dous biouchiños coma eles..."
Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).
Fonte.- Paula Ferreiro Pena.
Outros apuntamentos.- Adoita pronunciarse con cariño e nunca referida ás persoas novas.
conxomenear.- Organizar algo, chegar a un acordo.
Exemplo.- “A ver se conxomeneamos para irmos tomar uns pinchos no Nadal.”
Lugar de escoita.- Sarria.
Fonte.- María Xosé López Castro.
Outros apuntamentos.- A fonte indica que escoitou este verbo nun curso de maiores da UNED.
entrañados/as.- Familiares.
Exemplo.- "Ese é un dos meus entrañados: é primo meu.”
Lugar de escoita.- Ferramulín (o Courel).
Fonte.- Mª Natividad González Alonso (Leiras Pulpeiro de Quiroga).
homa.- Feminino de home.
Exemplo.- "Oístes, miña homa?", "Vaites, miña homa!"
Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).
Fonte.- Mar Llinares García.
muque, a.- Á forza, por obriga.
Exemplo.- “Pois terás que facelo a muque.”
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.- Indica o informante que comprobou que é tamén coñecida na zona de Goián (concello pontevedrés de Tomiño) e na parroquia de Castrelo (concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade). Un seu amigo brasileiro informouno indicando que alí usan unha expresión semellante (non igual) deste xeito: “Aqui no Brasil há muita gente que diz ‘no muque’, pra dizer com força física. Nos dicionários encontra-se também isolado o termo "muque", definido como bíceps, braço poderoso, forte”.