O BNG urxe o Goberno a garantía dos dereitos lingüísticos na Galiza

A formación nacionalista denuncia a vulneración do dereito a ser atendido en galego nun centro de saúde da sanidade pública da Galiza que rematou cunha proposta de sanción para a persoa que fixo a solicitude.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG, Néstor Rego, quere coñecer a posición do Goberno do Estado sobre as sancións impostas a un usuario da sanidade pública da Galiza por solicitar o cumprimento e respecto do dereito a ser atendido en galego.

Con este obxectivo, vén de rexistrar varias iniciativas, para que o Executivo explique se considera xustificada a resolución pola que se impón unha sanción a un cidadán que reclamaba atención en galego.

Segundo explica a organización nacionalista nun comunicado, a Delegación do Goberno, baseouse só na declaración dos axentes da autoridade malia existir probas e testemuñas contraditorias con esta.

Lei Mordaza

As sancións, engade, son resultado da vixencia da Lei Mordaza "que os partidos do Goberno se comprometeron a derrogar mais que aínda segue vixente", polo que reclama aos partidos do Goberno que cumpran co seu compromiso esa norma "que favorece a imposición de sancións inxustas só coa palabra dos axentes sen permitir contradición co resto das testemuñas".

O 19 de abril de 2021, un cidadán de Rianxo que acudía ao seu centro de caúde para realizar unha PCR de detección da Covid solicitou ser atendido en galego, mais foille negada esta posibilidade a pesar de estar no seu dereito, lembra o BNG.

Mentres reclamaba na recepción o cumprimento da legalidade, a Policía Local presentouse no lugar e consideraron que a lexítima demanda deste cidadán constituía "unha alteración da orde pública que merecía o inicio dun proceso sancionador" ao amparo da Lei Mordaza.

Os axentes denunciantes sinalaron que, a reclamación de ser atendido en galego, supuxo un atraso na atención administrativa e sanitaria e que esa actitude debía ser sancionada.

Os efectos da norma

"Que unha persoa solicite o cumprimento da lexislación vixente nun centro público e que protesta pola negación dos seus dereitos lingüísticos non pode ser motivo xustificado para impor unha sanción de 601 euros", subliña Néstor Rego.

A sanción foi confirmada pola Delegación do Goberno, que considera acreditada a responsabilidade do denunciado. "Custa asimilar que a defensa activa dos dereitos lingüísticos que posuímos todos os galegos e galegas poida supor unha multa de varios centos de euros, sanción que foi adoptada, ademais, baseándose exclusivamente na presunción de veracidade outorgada á declaración dos axentes de Policía, tal e como permite a chamada Lei Mordaza", incide o deputado do BNG.

Comentarios