Unha navieira alega contra o plan reitor das Illas Atlánticas por estar escrito en galego

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombou este e outros argumentos que a empresa Cruceiros Rías Baixas presentou para amosar a súa oposición á normativa do parque nacional marítimo-terrestre que, entre outras cuestións, muda o sistema de reservas.
Vista aérea das Cíes, que son parte no parque nacional. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Vista aérea das Cíes, que son parte no parque nacional. (Foto: Xunta da Galiza)

Algunhas navieiras que ofrecen viaxes ás Illas Atlánticas alegaron hai uns meses contra o plan reitor de control das actividades prohibidas e permitidas no parque nacional marítimo-terrestre por cuestións como o cambio no sistema de reservas. Porén, unha das empresas foi a máis e presentou outras queixas entre as que estaba o feito de que o documento estivese escrito en galego.

Agora vén de transcender que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou as alegacións de Cruceiros Rías Baixas, a través da actividade da Sección Segunda da Sala do contencioso-administrativo.

A firma, que oferta varios cruceiros para o turismo até algunhas das illas, recorrera xudicialmente a norma de xestión do parque, que abrangue varios arquipélagos do litoral galego (incluíndo as Cíes), elaborado pola Xunta da Galiza.

Segundo fontes do TSXG, os responsábeis do caso botaron abaixo os once argumentos que esgrimía a compañía demandante.

Entre eles estaba o feito de que se empregara para a redacción do plan reitor o galego, malia que a empresa traballa no país e ten a súa sede social no Grove.

Cruceiros Rías Baixas tamén viu como o fallo bateu coas súas alegacións sobre o prazo de exposición pública do texto e os prazos fixados para as distintas fases, entre outras cuestións.

O texto da pasada segunda feira, 3 de xaneiro, que transcendeu esta sexta feira, avala de forma indirecta o procedemento de protección. De feito, hai uns meses tamén apoiara as medidas seguidas para eliminar as visitas masivas aos arquipélagos.

No entanto, diante do rexeitamento das alegacións aínda cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comentarios