Madrid prohibe a Korrika, a carreira vasca pola lingua

É un dos actos máis importantes en defensa do éuscaro. Conmemórase desde 1980, dentro e fóra do País Vasco.
Presentación da Korrika 22 en Amurrio (Foto: AEK).
photo_camera Presentación da Korrika 22 en Amurrio (Foto: AEK).

Os distritos madrileños de Moncloa-Aravaca, Chamberí e Centro veñen de denegar o permiso para a Korrika que desde o ano 2007 ten lugar en Madrid.

As concellarías responsábeis alegan "outros actos" e posíbeis molestias á veciñanza para impedir o paso dunha marcha popular en defensa do éuscaro.

Korrika

Esta quinta feira, 31 de marzo, comeza unha nova edición da Korrika, unha carreira de carácter festivo que durante 11 días percorrerá máis de 2.000 quilómetros en prol do éuscaro sen deterse en ningún momento e coa participación de miles de persoas  de todas as idades e condicións.

A Korrika percorre toda Euskal Herria. Mais tamén se achega a outros destinos onde distintas comunidades éuscaras, falantes da súa lingua propia impulsan actos e carreiras paralelas á que se desenvolve na xeografía vasca.

Este sábado, 2 de abril, a diáspora vasca organiza esta carreira en cidades de todo o mundo, no marco dunha xornada festiva cargada de actividades culturais. Cidades como Barcelona, París, Berlín, Londres ou Nova York sumaránse á carreira en favor do éuscaro.

Ataque á liberdade de expresión

Desde hai 15 anos, Madrid tamén é escenario da tradicional Korrika cun percorrido que adoita unir tres lugares onde hai unha gran presenza da lingua vasca, como son a Universidade Complutense de Madrid, A Escola Oficial de Idiomas e Euskal-Etxea, onde estaba previsto o final da carreira.

Mais este ano non poderá ser. "Esta prohibición non ten nin pés nin cabeza. É un ataque á liberdade de expresión, pero, sobre todo, á pluralidade cultural e lingüística existente no Estado español", censuran organizadores, participantes e simpatizantes.


Comentarios