Asturianos galegofalantes denuncian ante o Consello de Europa as políticas de "exterminio amábel" do galego no Principado

Axuntar, asociación prá normalización del galego de Asturias, trasladou o “trato incorrecto” que o Goberno do Principado dá a esta lingua. A poboación asturiana que ten o galego como lingua nai baixou 38% en 30 anos.

comité expertos axuntar
photo_camera Unha imaxe da reunión. (Foto: Axuntar)

O Comité de Expertos do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas estivo a principios de ano no Estado español para manter encontros e xuntanzas con Administracións, entidades e colectivos para avaliar o cumprimento da carta.

Na reunión sobre o galego estivo presente Axuntar, asociación que traballa polo recoñecemento e normalización da lingua galega en Asturias. A entidade, segundo ela propia sinala na súa web, quixo deixar en evidencia nesa reunión “o trato incorrecto que desde hai moitos a os recibe o galego como lingua propia de Asturias e o empeño das autoridades políticas asturianas en ocultar a súa existencia en base a criterios e presións extralingüísticas”.

A lingüista e Doutora pola Universidade  de Tromsø -Noruega-, Natalia Jardón Pérez foi a encargada de expor, en nome de Axuntar, a problemática de Asturias e as políticas de “exterminio amábel” do galego do Eo-Navia por parte da Administración autonómica asturiana. 

“Durante a reunión Jardón Pérez trasladou á devandita delegación de expertos as denuncias que desde Axuntar vimos realizando sobre os constantes ataques á dignidade idiomática do noso galego: os cambios de nome, a censura nos medios, o uso oficioso (que non oficial) dunha norma asturianizante, a invisibilización institucional etc”, indican

O galego de Asturias, que se fala principalmente na comarca do Eo-Navia, padece unha tripla minorización ao carecer de regulación especial, ao estar "abandonado" por parte dos responsábeis políticos e lingüísticos asturianos e polo feito de que estes últimos non utilicen un "glotónimo" conforme á súa dignidade como idioma, segundo ten denunciado Axuntar.

Para Axuntar é "incuestionábel" que en Asturias coexisten tres linguas, con distinta distribución xeográfica, social ou de uso situacional: o español, o galego e o asturiano. Porén, fronte ao "recoñecemento" que a Constitución española e o Estatuto de Autonomía fan do español e do asturiano, o galego só aparece nomeado na Lei de uso, no artigo 2, e nunha disposición adicional. 

O territorio asturiano no que se fala galego ocupa unha superficie aproximada de 4.200 quilómetros cadrados distribuída en 18 concellos. Actualmente, estímase que o número de falantes nesta zona é de 37.000. Así o recolle o Informe sobre a lingua do Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, elaborado por  Axuntar.

O último informe do Comité de Expertos que avaliaba o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas é de 2019. En base a este documento, o Comité de Ministros do Consello de Europa realizou catro indicacións directamente referidas á lingua galega: Eliminar as limitacións ao ensino e galego en todos os niveis, modificar  Lei Xeral do Poder Xudicial para garantir que se poida usar a lingua galega nos procesos xudiciais; avanzar e mellorar  no femprego do idioma propio da Galiza por parte da Administración do Estado; e que o estatuto de Asturias recolla a denominación e protección do  galego-asturiano.

Comentarios