Normalización, toponimia, recoñecemento legal... Propostas dos defensores do galego de Asturias ao Principado

"Somos asturianos de  fala  galega”, defínense desde Axuntar, Asociación  prá Normalización do  Galego de Asturias, que se reuniu co director xeral de Política Lingüística do Principado de Asturias.

axuntar galego asturias
photo_camera Imaxe da reunión da delegación de Axuntar co director xeral de Política Lingüística de Asturias.

Axuntar, Asociación prá Normalización do  Galego de Asturias, é un colectivo recentemente constituído, “ante a tramitación da reforma estatutaria que implicará a oficialidade dos idiomas propios de Asturias, o galego e o asturiano”.

Defenden que na zona oriental de Asturias “fálase unha variedade  do idioma galego” e eles considéranse “asturianos e asturianas de  fala  galega”, que teñen como finalidade, apuntan, que se dean pasos cara a un “verdadeiro proceso de normalización” do galego de Asturias.  “Isto, evidentemente, implica o seu tratamento como o que é, o idioma galego propio de Asturias e do territorio Eo-Navia”.

Esta semana unha delegación de  Axuntar mantivo unha reunión co Director Xeral de Política Lingüística do Principado de Asturias, Antón García, ao que lle entregaron as súas achegas e propostas en torno á lingua.

A dignificación do idioma require a normalización do mesmo e iso é algo que non é posible conseguir sen superar os estigmas que sofren os propios falantes aos que, mediante as políticas desenvolvidas durante os últimos 30 anos tentouse convencer de que non falan unha variedade do galego senón unha fala de transición.

 "Somos asturianos de  fala  galega e consideramos  tamén que  dende o organismo que  dirixes debería  traballarse para que toda a  lexislación que se  faga  coas  linguas de Asturias se redacte  para as  dúas,  co  galego de  Asturias á beira do asturiano,  tamén nos títulos dás  leis e decretos, sen aparecer subordinada a  nosa  lingua en  ditos textos.  Facelo  doutro  xeito  é tratar  aos  cidadáns de  fala galega como inferiores  aos do resto de Asturias" di a carta que lle entregaron ao director xeral.

Idiomas oficiais

Entre as propostas deste colectivo que puxeron en coñecemento do secretario xeral está a de que no estatuto de autonomía asturiano se recoñeza que “as linguas propias de Asturias son o asturiano e o galego de Asturias”, que “   ambos os idiomas, xunto co castelán, son oficiais en Asturias e toda a cidadanía ten o dereito de coñecelos e usalos”, que “Os poderes públicos de Asturias garantirán o uso normal das tres linguas, potenciarán a utilización do asturiano e o galego de Asturias en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa e dispoñerán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento e aprendizaxe”.

Propoñen, tamén, que “unha lei do Principado regulará de forma especial o réxime de protección, respecto, tutela e desenvolvemento establecido para o asturiano e para o galego de Asturias” e que “mediante lei delimitaranse os territorios nos que é propio o galego de Asturias ou o asturiano”.

Piden á Administración utilice o termo galego de Asturias, e defenden que “a dignificación  do idioma require a normalización do mesmo e iso é algo que non é posible conseguir sen superar os estigmas que sofren os propios  falantes aos que, mediante as políticas desenvolvidas durante os últimos 30 anos, tentóuselles  convencer de que non falan unha variedade do galego senón unha  fala de transición”.

“As normas actuáis afastan o galego de Asturias do tronco común galaico-portugués ao que pertenece”

Avoga Axuntar pola creación “dunha institución dedicada ao estudo, protección e promoción do galego de Asturias” e a “creación dun servizo de normalización  lingüística para os municipios de idioma galego de Asturias”.

“O Centro de Estudos ou Academia do Galego de Asturias  aprobará unhas novas normas  ortográficas e morfolóxicas do galego de Asturias, conforme criterios científicos e históricos, que substituirán ás actuais normas promovidas pola Academia da  Llingua Asturiana”.

Galaico-portugués

Nesta liña,  consideran que esas normas actuáis “afastan o galego de Asturias do tronco común galaico-portugués ao que pertenece”. Transitoriamente, adoptaranse como oficiais as normas publicadas pola MDGA en 1990, que están avaladas por un prestixioso equipo de lingüistas.

A creación na Comarca Eo-Navia dun centro educativo de ensino do idioma permitindo a obtención dos certificado acreditativos correspondentes ou un Plan de cursos de formación para funcionarios e empregados públicos que estean en postos de atención ao público, son outras das propostas. O mesmo que a “revisión da toponimia oficial nos concellos do Eo-Navia e elaboración dun plan de traballo  concertado coa Universidade de Oviedo para a preservación da toponimia menor”.

Comentarios