Robles, Borrell, Macri, Raxoi e González participarán no foro do neoliberalismo que decorrerá na Toxa

Por cuarto ano terá lugar, no Grove, o foro da Toxa, que nesta ocasión contará coa presenza de, entre outras persoas, a ministra española de Defensa, Margarita Robles, os ex presidentes do Estado español Mariano Raxoi e Felipe González e o vicepresidente da Comisión Europea e xefe da diplomacia da UE, Josep Borrell.

Autoridades na inauguración do Foro da Toxa (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Autoridades na inauguración do Foro da Toxa (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Do 29 de setembro ao 1 de outubro decorrerá o foro da Toxa, amplamente criticado pola deturpación do topónimo da illa pertencente ao concello do Grove. Nesta edición, a cuarta, participarán a ministra española de Defensa, Margarita Robles, os ex presidentes españois Mariano Raxoi e Felipe González e o xefe da diplomacia da UE, Josep Borrell.

Tamén tomarán a palabra a ex ministra socialista Trinidad Jiménez, o ex presidente da Arxentina Mauricio Macri e a ministra alemá de Defensa, Christine Lambrecht, así como a conselleira do Banco Central Europeo Isabel Schnabel e o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos. O galego Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social, intervirá na “mesa de diálogo das autonomías”.

Nos tres días de foro, trataranse cuestións como “a crise en Ucraína e as súas consecuencias”, “o novo concepto de Occidente”, a enerxía e a globalización.

O maior foro do neoliberalismo que decorre en territorio galego é organizado por Hotusa, a empresa hoteleira do empresario de Chantada Amancio López. Precisamente, a firma galega recibiu un empréstito da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) por un importe de 190 millóns e outro de 51 millóns, ambos os dous con cargo ao Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas creado polo Goberno de Pedro Sánchez para rescatar compañías afectadas pola crise pos-Covid.

Prohibición de manifestacións e Lei ‘mordaza’

O pasado ano, o foro decorreu entre a polémica, após a Subdelegación do Goberno español impedir á CIG manifestarse na Toxa coincidindo coa clausura do evento. O sindicato nacionalista pretendía protestar contra a “estafa dos prezos da enerxía eléctrica, o fechamento de oficinas bancarias que a Xunta financia con subvencións e a grave crise que atravesa a Galiza”.

A negativa do Executivo español á mobilización da CIG contrastou co permiso concedido aos traballadores e traballadoras de Ence, que chegaron a protestar ás portas do foro para reclamar a permanencia da pasteira na ría de Pontevedra.

Ademais, tamén durante a edición de 2021, decorreu unha concentración pacífica da Mesa pola Normalización Lingüística contra o uso ilegal do topónimo por parte da organización do foro. Axentes da Garda Civil chegaron a empurrar e bater en participantes da mobilización. O presidente da entidade, Marcos Maceira, que acabara no chan, criticara as “moi malas maneiras” dos efectivos da Garda Civil, ao igual que a deputada do BNG Montse Prado.

Foi a parlamentaria nacionalista quen reclamou no Parlamento da Galiza o cumprimento da Lei de normalización lingüística e quen denunciou o “branqueamento” do que denominou “capitalismo depredador”. Prado instara entón o Goberno galego a retirar o seu apoio ao foro.

Cuestionado en comisión parlamentaria polo uso do topónimo ilegal, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxera de manifesto que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade enviara unha carta aos organizadores do foro para lles solicitar a restitución do nome correcto, mais advertiu de que se trataba dunha “decisión comercial”.

Comentarios