Está a Xunta a empregar fondos europeos para promover o castelán en detrimento do galego?

O Goberno galego retirou un dos criterios nas axudas ás compras de bibliotecas que estabelecía que un mínimo de 25% das adquisicións debían ser en galego. Na última convocatoria, ese criterio foi cambiado por outro que indica que cando menos 50% das obras compradas deben estar escritas en castelán.

Interior da Biblioteca Ánxel casal de Compostela (B. Ánxel Casal)
photo_camera Interior da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela (B. Ánxel Casal)

A Mesa Pola Normalización Lingüística denunciou esta segunda feira que as axudas para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas este 2022 pola Xunta da Galiza "prexudican gravemente a lingua galega" en favor do castelán, xa que "non existe un mínimo obrigatorio de compra en galego".

Nunha nota remitida aos medios, a entidade critica que a convocatoria para a compra de libros por parte das bibliotecas de entidades locais recolle que, "como mínimo", 50% do importe dos fondos Next Generation da Unión Europea (UE) "debe destinarse a fondo bibliográfico editado en castelán", mais non estabelece ningún mínimo para os libros editados en galego.

Aliás, de 50% restante, 10% poderase dedicar a adquirir fondos editados en linguas oficiais no resto do Estado español e en linguas estranxeiras.

A entidade censura que, até 2021, cando menos 25% dos libros comprados con cargo a estas axudas debían ser en galego. Porén, nesta última convocatoria ese criterio foi eliminado.

Risco de discriminación "noutros campos"

Segundo detallou a Mesa, a Xunta xustifica este "ataque ao galego" porque esta axuda conta con fondos europeos, polo que as porcentaxes mínimas ou máximas que corresponden ás distintas linguas estabelecéronse nunha conferencia sectorial de Cultura que decorreu o 23 de xullo de 2021.

Para o presidente da entidade, Marcos Maceira, esta argumentación do Goberno galego resulta "aínda máis preocupante" porque "parece que non vai ser o único campo no que o galego se vexa gravemente prexudicado fronte ao español na repartición de fondos europeos".

"A peaxe que ten que pagar a sociedade galega pola chegada dos fondos europeos é a cesión ao castelán dos espazos de protección que tiña", lamenta o voceiro da entidade.

Comentarios