Cinco cuestións polas que perigan os Next Generation para a Galiza

Os tres principais proxectos industriais da candidatura da Xunta aos fondos Next Generation están no ar. A planta de viscosa de Altri, o taller de baterías de Stellantis e a planta de ánodos de grafito de Showa Denko suman por volta de 1.400 millóns de euros de investimento mais non se desenvolverán se non hai unha inxección de fondos europeos, algo que a día de hoxe ninguén lles asegura.
Reunión do Consello de Europa na que foi aprobado o programa 'Next Generation'. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión do Consello de Europa na que foi aprobado o programa 'Next Generation'. (Foto: Europa Press)

O Goberno español continúa sen concretar nin garantir os fondos europeos para os principais proxectos industriais que optan aos Next Generation.

Unha actitude que fai que na Xunta e empresariado se estea pasando da preocupación ao temor a que finalmente ningunha das tres propostas principais [a factoría de Viscosa para Palas de Rei , o taller de baterías para Vigo e a planta de ánodos para A Coruña] se implante, a pesar destes meses de intensa campaña de 'propaganda' da Xunta e o Goberno estatal ao redor destas iniciativas.

1.— Dubidosa cabida nos Perte

O proxecto da planta de Viscosa de Altri para Palas de Rei non ten encaixe nas liñas de axudas recollidas dentro do programa Next Generation (os Perte) e actualmente aprobadas. E se non se está dentro dalgunha desas liñas, non se pode acceder a estes fondos.

O profesor da USC e especialista en programas comunitarios Diego Sande Veiga advertiu en Nós Diario de que Altri "unicamente tería cabida no Perte adicado á economía circular. Mais o significado da economía circular transcende o obxecto deste proxecto", polo que sería forzado que entrase nesa categoría.

No que respecta á aposta de Stellantis en Vigo, que tampouco recibiu de Calviño garantía de financiamento europeo, o que máis preocupan son os prazos, ante un calendario que vai correndo contra o reloxo. En igual situación está Showa Denko, a planta de ánodos de grafito a instalar na Coruña.

2.— Menos de un euro de cada dez

 A vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos dixo na súa visita a Galiza que transferiu á Xunta 22 millóns destes fondos para a economía circular para que os proxectos nesta categoría poidan empezar a se desenvolver. De ter Altri encaixe finalmente nesta categoría os problemas non desaparecen: os responsábeis do proxecto para Palas de Rei apuntaron que só se instalarán na Galiza de recibir 250 millóns de euros de axudas públicas.

3.— Sen axudas directas e con créditos

Desde o Goberno español anunciaron un fondo de investimento para as comunidades do fondo europeo e ao que se podería recorrer para financiar proxectos mais xa serían vía crédito e non axudas directas. E iso non era ao que se presentaron nin optaron estes proxectos.

4.— A Xunta, de perfil

O Goberno galego cambiou o relato. Se nestes meses presentábase como garante e valedora deses proxectos; agora sitúase de perfil e pon a venda antes da ferida: responsabiliza o Estado de que estas iniciativas cheguen a bo porto.

5.— Inquietude en aumento

A ausencia dunha garantía clara sobre as axudas a estes proxectos inquieta e preocupa nos responsábeis das empresas impulsoras, como temen na patronal galega, así como en representantes políticos

Comentarios