Estas son as mobilizacións convocadas por Queremos Galego para o 17 de maio

Nove concentracións e manifestacións partirán ás 12 horas desta cuarta feira de nove municipios do país.
Marcha convocada o pasado ano por Queremos Galego en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcha convocada o pasado ano por Queremos Galego en Compostela. (Foto: Arxina)

As diferentes entidades que conforman a plataforma Queremos Galego anunciaron esta sexta feira en rolda de prensa a convocatoria dunha serie de mobilizacións para o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, como vén sendo habitual nestas datas. Nestes actos lerase un manifesto nacional e, no caso do convocado en Pontevedra, haberá animación musical a cargo do grupo Foula.

Nese manifesto, a plataforma Queremos galego reclama de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega, "a que nos une e fainos existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada".

Piden ademais que reclamen o uso do galego "en todos os contratos con calquera" e que o fomenten "en todos os ámbitos da sociedade". "A emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todos", sinala este manifesto.

"40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela", sostén o texto redactado por Queremos Galego.

Mobilizacións convocadas

Son, en total, nove as concentracións convocadas por Queremos Galego para esta cuarta feira en diferentes municipios do país, todas elas con hora prevista de inicio ás 12h do mediodía.

  • A Coruña (Obelisco)
  • Ferrol (Praza do Inferniño)
  • Foz (Concello)
  • Lugo (Praza Maior)
  • Monforte de Lemos (Praza de España)
  • Ourense (Praza do Correxidor)
  • Pontevedra (Praza de Curros Enríquez)
  • Santiago de Compostela (Alameda, en dirección á praza de Praterías)
  • Vigo (Vía Norte en dirección MARCO)

Comentarios