Galegofalantes de Asturias piden ao Goberno do Principado “respecto”

Denuncian que se está a substituír a denominación até agora oficial de galego-asturiano por “eo-naviego”. Axuntar considera que con esta mudanza “está en xogo a dignidade idiomática do galego falado en Asturias, que é tan lingua desta terra como o asturiano”

galego asturiano
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización a prol do galego de Asturies (Foto: ORT)

Axuntar, asociación prá normalización do galego de Asturias dirixiuse ao Goberno de Asturias para reclamar que se garanta o respecto, “por parte do Goberno do Principado de Asturias, e das institucións e autoridades lingüísticas da comunidade autónoma”, do nome de galego-asturiano -legalmente vixente-, que recibe o idioma propio dos habitantes do extremo occidental de Asturias. Esa é a denominación que recolle a Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do asturiano (Artigo 2 e Disposición Adicional).

A asociación solicita ao Goberno, presidente e conselleira de Cultura e Política Lingüística de Asturias que reconsideren o que consideran un despropósito, como é o de denominar esta lingua co glotónimo “eonaviego”. Lémbranlle a Adrián Barbón que “representa todos os asturianos, debe ter en conta as certezas científicas comunmente aceptadas e, sobre todo, debe cumprir a lexislación vixente.”

Desde Axuntar denuncian que, desde o Goberno asturiano, “ao non respectar a denominación legal dunha lingua propia de Asturias, acaba de dar un paso máis contra a dignidade lingüística do galego que se fala en Asturias, e faino ademais a Conselaería de Cultura, Política Lingüística e Deportes do Principado de Asturias.”

A asociación lembra que, tras a recente remodelación do Goberno, no Boletín Oficial do Principado de Asturias do pasado 19 de marzo, publicouse o Decreto 25/2024 do 15 de marzo polo que se estabelecía a estrutura orgánica da Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deporte, na que “o nome legal en Asturias do mencionado idioma (galego-asturiano) estabelecido por Lei 1/1998 do 23 de marzo, de uso e promoción do asturiano, foi substituído en todos os casos por "eonaviego".

Engaden que mesmo nalgunhas ocasións no decreto omítense as referencias ao galego-asturiano, como no caso do artigo 6 que, estabelece que “a lingua asturiana é un patrimonio colectivo de Asturias”. “Ignoramos as razóns que explican que o galego-asturiano sexa privado desa importante e xusta condición”, afirma Moisés Cima, presidente de Axuntar.

A asociación para a normalización do galego de Asturias lembra que durante toda a lexislatura pasada as autoridades lingüísticas de Asturias e a Academia da Llingua Asturiana (ALLA) viñeron facendo uso da expresión compartida "galego-asturiano ou eonaviego", dándolle prioridade a este segundo glotónimo, eonaviego, que, subliñan, non está recollido na lei 1/1998.

Denuncian que ese glotónimo "eonaviego" xustifícase en base a dúas enquisas sociolingüísticas “amañadas por ALLA coa fin de substituír o glotónimo legal por outro que non incluíse a palabra ‘galego’, para ocultar a filiación lingüística e, de feito, violar a lei, evitando a denominación establecida legalmente pola Xunta Xeral do Principado, é dicir, polo poder lexislativo asturiano.

Este prexuízo “contra a galeguidade inherente á lingua galega que se fala en Asturias vén de lonxe”, e mencionan que hai case dez anos a entón presidenta da ALLA, Ana Cano declarou que o termo galego-asturiano era “pexorativo".

Nese sentido lembran que o propio responsábel da III Enquisa Sociolingüística de Navia-Eo, Francisco Llera Ramo, recoñeceu que o que fixeron foi agrupar nun ítem denominado "fala eonaviega" todas as respostas que mencionaban "fala" como referencia ás variantes propias dos municipios ("coañés, boalés" etc.)/ etc.) e todas aquelas respostas distintas ao galego-asturiano ou asturiano, #ante a pregunta de que lingua fálase, “creando a idea irreal de que este novo termo -non utilizado en enquisas anteriores- era o preferido, á  hora de referirse ao seu idioma, por un sorprendente 65,5% dos enquisados.”

Axuntar subliña que o nome legal de galego-asturiano xa foi utilizado polo que fose Presidente da Real Academia Española, RAE,  escritor e filólogo de raíces galaico-asturianas Dámaso Alonso, “e ten o aval de ser comunmente aceptado pola comunidade científica, aínda que desde a asociación prefiren usar “galego” ou “galego de Asturias” para evitar os intentos innecesarios de ocultar a filiación galego-portuguesa do idioma. As conclusións do Estudo da Transición Llingüística na zona Eo-Navia, ETLEN (Universidade de Uviedo, 2017) falan por si soas”, engaden.

O glotónimo galego-asturiano, lembran desde Axuntar, é utilizado desde 1998 polas autoridades lingüísticas e aparece tamén nos estatutos da ALLA, “mesmo nas inefables regras ortográficas que esa institución dá como oficiais e que separan a lingua do dominio lingüístico”. Engaden que tamén se utilizou en cursos de formación do profesorado e, ata o de agora, en todos os textos xurídicos asturianos. “O glotónimo que queren descualificar é o que figura nas Ordenanzas Municipais sobre o uso do galego do concello da Veiga e utilizouse en todas as campañas de normalización lingüística, concursos literarios, etc. promovidos ou patrocinados nos últimos anos polo Goberno de Asturias e ALLA.”

Destacan tamén que o Comité de Expertos de seguimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias vén reiterando desde hai anos a necesaria inclusión do nome "galego-asturiano" no Estatuto de Autonomía de Asturias.

Moisés Cima asegura que “a insistencia en substituír galego-asturiano por eonaviego é un sombrío presaxio para unha lingua que pertence ás terras de Eo-Navia e que forma parte do corpus lingüístico da lingua galega desde o seu nacemento como lingua -como demostran os importantes documentos medievais da Colección Diplomática do Mosteiro de Santa María de Vilanova de Ozcos- e supón un intento máis de consumar a conversión do galego asturiano nun fala dialectal sen raíz lingüística, sen pasado e, o que é peor, sen futuro.”

Insisten desde Axuntar en que desde o Executivo se reconsidere “e cumpran o mandato legal feito pola Xunta Xeral do Principado na Lei 1/1998, do 23 de marzo, sobre uso e fomento do bable e que modifiquen o Decreto 25/2024, do 15 de marzo, substituíndo a denominación eonaviego polo agora oficial galego-asturiano. “Está en xogo a dignidade idiomática do galego falado en Asturias, que é tan lingua de todos os asturianos como o bable/asturiano e que nos vincula ao universo cultural galego-portugués, coa lusofonía, abrindo portas que non debemos pechar”, sinala Moisés Cima.

O presidente de Axuntar engade que “é un momento histórico para a lingua galega, a piques de desaparecer tras 40 anos do Estatuto de Autonomía de Asturias e transcorreron xa case 25 desde que se aprobou a Lei 1/1998. Os nosos gobernantes non deben pasar á historia por comportamentos contrarios ás leis, irrespetuosos cos mandatos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias [Art. 7.1 B) e o art. 7.1 e)] e que fan das fronteiras administrativas un problema que non o é.”

Comentarios