sábado 06/03/21
Xosefa Baamonde foi suspendida de emprego e soldo hai 40 anos por dar aulas en galego

O delito de dar aulas en galego en Rois

Hai 40 anos, falamos do 1 de febreiro de 1981, miles de persoas manifestáronse en Padrón para protestar contra o expediente de sanción aberto a Xosefa Baamonde, mestra en Dices-Rois, por impartir aulas en galego. A mobilización representou un fito na loita en defensa dos dereitos lingüísticos na Galiza.
Manifestación en Padrón contra a represión lingüística, con Xosefa Baamonde e Xosé Manuel Penas Patiño no centro da faixa. Arquivo Xan Carballa
Manifestación en Padrón contra a represión lingüística, con Xosefa Baamonde e Xosé Manuel Penas Patiño no centro da faixa. (Foto: Arquivo Xan Carballa)

A recuperación do galego como lingua do ensino coñeceu significados avances nos anos finais da ditadura e nos inmediatamente posteriores á morte de Francisco Franco. Malia a oposición das autoridades gobernamentais á restauración do idioma propio do país, a acción normalizadora impulsada no ensino polo nacionalismo desde 1972 deu os seus froitos ao longo da década dos 70. Neste proceso xogou un papel determinante a afiliación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), constituída en 1972, e a militancia da Unión dos Traballadores do Ensino da Galiza (UTEG), antecedente da CIG-Ensino fundada en 1974, que non tardou en fixar como deber dos seus adherentes o emprego do galego nas aulas. O labor da ambas as organizacións explica en boa medida que á volta de 1976 o galego fora usado por máis de 30% do profesorado de secundaria.

O Decreto de bilingüismo

A política dos primeiros Gobernos da autonomía veu pór couto á acción das forzas normalizadoras. Nesta orientación resultou decisiva a aprobación en agosto de 1979 do Decreto de bilingüismo de agosto de 1979, que na práctica puxo condicionantes e limitacións ao ensino en galego e actuou como un instrumento legal para a acción represiva contra as iniciativas normalizadoras que xa se estenderan por todo o país, dando base legal a toda unha serie de denuncias e represalias contra o alumnado e o profesorado que mantiñan unha práctica galeguizadora. O Decreto de bilingüismo, derivado do deseño constitucional e base da Lei de normalización lingüística de 1983 significou a institucionalización do bilingüismo diglósico como norma.

As consecuencias do Decreto de bilingüismo non tardaron en notarse. Así, por exemplo, en decembro de 1979 foron denunciados dous ensinantes en Corme, un no Foxo, e déronse tentativas semellantes en Bueu, Salvaterra, Viveiro, Moaña e Lalín, onde se abriu un procedemento a Ramón Varela Puñal. Á volta de marzo de 1980, o mestre do colexio do Foxo na Estrada Alfonso Castro foi denunciado por dar clases en galego, provocando unha vaga de solidariedade en toda Galiza, que rematou cunha manifestación masiva nese mesmo mes na Estrada, onde participaron máis de 7.000 persoas. As denuncias continuaron e repetíronse ao longo dese período con novos episodios noutros centros educativos do país como Nigrán, Baiona ou A Laracha. 

O procedemento aberto aos ensinantes de Dices, en Rois, Xosefa Baamonde García e Xosé Manuel Penas Patiño, foi un exemplo paradigmático desta enxurrada contra o uso do idioma no ensino. Á volta de outubro de 1980 ambos os mestres foron denunciados pola ANPA do colexio, comezando un expediente disciplinario por faltas “moi grave” e “grave” promovido polos poderes caciquís e instruído polo secretario municipal. A causa contou coa apoio decidido de administracións como a Deputación de Ourense, presidido por unha persoa de Franqueira como Victorino Núñez ou da Consellaría de Educación e Cultura, que non dubidou en culpar da situación “as posturas intransixentes” dos mestres e presentarse en garante do “dereito inalienábel” a decidir dos pais. 

A sanción contra Xosefa Baamonde

O expediente resolveuse cunha dura sanción para Xosefa Baamonde. A ensinante, unha significada militante nacionalista desde a clandestinidade, dirixente da UTEG e que impartía as aulas en galego desde 1972, foi suspendida de emprego e soldo durante seis meses e sometida a trasladado forzoso o curso seguinte. A Administración educativa fundamentou a resolución en que “impartía clases aos alumnos de 4º de EXB, na súa maioría galegofalantes, sen dedicar tempo ningún ao ensino da lingua castelá e mais porque “emprega a lingua galega como única lingua de instrución”.

A resposta social contra a persecución a Xosefa Baamonde e en defensa do galego no ensino sucedeuse nos primeiros meses de 1981. O 30 de xaneiro, o ensino medio e universitario viviu unha folga masiva, na que segundo A Nosa Terra, “máis de sesenta mil alumnos da universidade e de ensino medio deixaron de asistir á clase. Este mesmo día realizáronse dúas concentracións, unha en Santiago e outra na Coruña, que foron reprimidas pola policía e sendo detidas oito persoas polo simple feito de manifestarse”. 

A protesta tivo continuidade o 1 de febreiro seguinte en Padrón. Respondendo a unha chamada de 11 entidades, arredor de 10.000 persoas, segundo os organizadores, percorreron as rúas da vila tras unha faixa coa lenda “Polo dereito irrenunciábel ao uso do galego no ensino. Non ao Decreto de bilingüismo”.

comentarios