venres 26/02/21

Peque Filmes: o castelán continúa a conquistar espazos na Galiza da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, intervén ante as queixas do coordinador científico do Ramón Piñeiro, Manuel González, pola total ausencia do galego no festival. Non é este o único caso recente de minusvaloración da lingua galega no seu propio país, polo seu propio Goberno.

peque_filmes
Presentación este sábado, 23 de xaneiro, do festival Peque Filmes (Xunta)

Todo se desencadeou cunha entrada no Facebook: "Non temos remedio. Estou neste momento na sesión da tarde do festival "Peque Filmes" da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Acabou a presentación: nin unha palabra en galego. É así como se normaliza? Vergoña, pura vergoña, e chove sobre mollado".

A mensaxe cobra especial importancia, xa non polo feito en si, senón polo denunciante: Manuel González, coordinador científico do centro Ramón Piñeiro, que comparte espazo físico no número 2 da compostelá rúa de San Roque coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A entrada no Facebook do tamén académico da Academia da Lingua é das 17.13 horas do sábado. Menos de catro horas despois, ás 21.02 horas, escribía: "Agradezo ao SXPL [secretario xeral de Política Lingüística] Valentín García a súa rápida intervención para que mañá se solucione este problema. Grazas Valentín!".

A conversa entre González e García nese período de tempo ─á espera do que aconteza este domingo, 24 de xaneiro, no festival "Peque Filmes"─ semella que causou efecto. Porén, o anoxo mostrado nas redes sociais mantívose máis alá da xornada vespertina. Porque, tal e como apuntou Manuel González, "chove sobre mollado".

Nos últimos meses a presenza do castelán nos medios públicos nacionais, tanto na radio como na televisión, ─creados para o fomento e para a normalización da lingua propia─ está a ir en aumento, en detrimento dos xa cativos espazos con que conta o galego no seu propio país.

Tamén este sábado, 23 de xaneiro, o profesor Nel Vidal denunciaba en Twitter que a serie 3 caminos, estreada na plataforma Amazon un día antes, non puidese ser visionada en galego malia o investimento de "1'5 millóns de euros dos galegos e das galegas". "Estréase en varios idiomas, pero non no propio destes galegos e galegas que a pagamos", escribía na rede social.

Vidal aclaraba que as críticas non ían nin contra Amazon nin contra a produtora, senón contra a Xunta "por non incluír ese requisito no investimento de 1'5 millóns de euros de cartos públicos".

Como o cangrexo

Mais o esvaecemento do galego non é exclusivo do mundo dos medios ou da cultura. O Goberno presidido por Alberto Núñez Feixoo desde abril de 2009 non só non conseguiu nestes case 12 anos que a lingua propia do país recuperase espazos, senón que está a perder os poucos que atinxira con anterioridade. Así, por exemplo, o galego é secundario ─por detrás do castelán─ nas redes oficiais de Turismo de Galicia.

Outros dos eidos en que a lingua galega e os seus falantes están discriminados no propio país é na xustiza, onde malia contar coas ferramentas técnicas e humanas para a súa normalización a Xunta impide que esta se produza.

E todo isto nunha xornada, a do sábado 23 de xaneiro, en que se desenvolveron as II Xornadas de Normalización Lingüística, para o "debate e reflexión sobre a lingua no ensino". Resumíao así ─en referencia á denuncia de Manuel González─ Marta Dacosta, escritora e colaboradora deste diario: "Pois tiñas que oír esta mañá á representante do PP no debate das II Xornadas de normalización. Non temos ningún problema, di ela!".

comentarios