martes 22/06/21

Esther Estévez, xornalista: "Se estás consumindo en galego, sexa o noso programa, música ou cine, animaraste a falalo"

A xornalista verinense Esther Estévez é a imaxe das dúbidas lingüísticas na Televisión da Galiza. Presenta o programa 'Dígocho eu' desde o inicio de 2020, meses despois de rematar a carreira, e o éxito nas redes sociais foi exponencial, hai quen di que coa axuda do confinamento e dun maior uso dos contidos audiovisuais, até hoxe. O mérito, como explica sempre, non é só dela senón dun equipo que quixo innovar e tratar a información da nosa lingua de maneira máis amena. 
A xornalista Esther Estévez presentando o programa da TVG 'Dígocho eu' (Cedida)
A xornalista Esther Estévez presentando o programa da TVG 'Dígocho eu' (Foto: Cedida)

Como leva pasar a ser tan coñecida en tan pouco tempo?

Levamos un ano co programa mais si é certo que o boom xurdiu hai pouco. Nos últimos meses foi bastante tolaría todo. Pensando en frío, é moi forte todo que me está dando este proxecto. Hai certa presión con moitos ollos mirándome. A verdade é que no día a día esquézome e fago o meu traballo. Tento velo como algo bo mais tamén como unha responsabilidade.

Na TVG houbo moitos programas de lingua galega. Como naceu ‘Dígoche eu’?

A diferenza con anteriores proxectos é que nós adaptámonos a como son as redes sociais agora mesmo. Comezamos o 1 de xaneiro de 2020 a través dunha idea de Carlos Amado, coordinador de contidos web. O propósito era ensinar termos que se nos escapan do galego, fuxir de castelanismos e saber curiosidades sobre a lingua ligando con apuntamentos lusófonos. Sempre cun toque de entretemento e bo humor. Propuxémonos sacar un vídeo diario e fixémolo.

Marcaron as rede sociais, logo, o formato e a estratexia do programa?

Eu traballaba en contidos para redes sociais e o programa pensouse para elas. Logo medrou e pasou a emitirse nos telexornais. Buscabamos brevidade para non aburrir e por ese motivo quitamos toda a seriedade que ten un programa de información. Informal, como é agora mesmo a linguaxe das redes.

Falar de lingua e crear debate ao seu redor tamén ten o seu atractivo?

Si, sempre. Está o debate da norma e os trazos dialectais, algo no que nós non nos metemos. Nós falamos só do galego da Real Academia Galega, aínda que eu defendo a morte os trazos dialectais. Outra cousa é que hai quen defende o galego da súa zona e non se decata que emprega palabras que non son galegas, aquelas que o castelán, ao convivir co galego, foi introducindo.

O propio funcionamento do espazo crea debate ao propor non falar con determinadas palabras, algo que chegou a enfadar nun principio. Tampouco nos metemos na cuestión do reintegracionismo para non crear outra polémica.

Pregúntanlle pola rúa cuestións lingüísticas? 

Cústalle moito á xente entender. Agora coa situación de pandemia da Covid-19 e o feito de levar máscara paso algo máis desapercibida. Si é certo que as persoas cren que son ese papel que fago na televisión, pode ser por transmitir esa confianza.

Expliquei moitas veces que eu son xornalista e que teño moito interese pola lingua mais que non son filóloga. Limítome a facer o meu traballo e comunicar o que me di a miña compañeira lingüista. Nas redes sociais pregúntanme moitas dúbidas, que eu anoto, para ver se se pode facer un capítulo dela, mais non podo contestar porque preciso a axuda dunha lingüista.

Como ve o futuro do galego?

Antes era máis negativa. Non fan falta datos nin estatísticas para saber que é o que máis se fala na rúa. Mais agora coincido co equipo do Dígocho eu en que, aínda que se fala menos galego que na xeración dos nosos pais e nais, hai certo interese no idioma. Cando comezamos na rede social Tik Tok, que é para xente moi nova, vimos que aínda que moitos comentarios son en castelán, valoran de maneira positiva o noso contido e séguennos.

Quero pensar que nalgún momento esas persoas volverán ao galego ou comezarán nel se nunca estivo. Se estás consumindo en galego, sexa o noso programa, música, cine, series ou teatro, animaraste a falalo. Non vexo rexeitamento na xente nova, que é o futuro.

comentarios