A CIG-Xustiza demándalle á Dirección Xeral de Xustiza que inicie os trámites oportunos e poña os medios necesarios para implementar a aplicación Minerva en lingua galega "e que, dunha vez por todas, se cumpra a normativa en normalización lingüística e se respecten os dereitos da cidadanía, os/as traballadores/as e os/as profesionais desta Administración en relación co uso da nosa lingua".
O secretario nacional de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, explica que as traballadoras e os traballadores deste sector non teñen a posibilidade de tramitar os expedientes na nosa lingua, xa que a aplicación Minerva non ofrece esa opción. Esta carencia, sinala, conculca o artigo 9.2 da Constitución española ao provocar unha desigualdade en detrimento das persoas galegofalantes e incumpre o plan xeral de normalización lingüística, así como o recollido na Carta europea as linguas minoritarias ou rexionais.
Sánchez lembra que a Dirección Xeral de Xustiza posúe o código fonte da aplicación Minerva, "o que abre a posibilidade de implementala en lingua galega, xunto cos seus modelos".
Ademais, xa dispón de equipos lingüísticos adscritos aos órganos xudiciais que poden asumir a tarefa de tradución dos modelos, tal e como se fixo con aplicacións anteriores. "Non existe, polo tanto, ningún impedimento para que o Goberno da Xunta poña a disposición das traballadoras e dos traballadores da Administración de xustiza esta aplicación en galego, cumprindo así coa súa obriga de promover e protexer a nosa lingua", asevera Xesús Sánchez.