O galego non é lingua para reis: a Cidade da Xustiza, inaugurada cunha placa en castelán

A lei de normalización lingüística recolle, precisamente, que a Xunta da Galiza debe promover "a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza".
A placa conmemorativa da inauguración da Cidade da Xustiza mestura galego e castelán. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera A placa conmemorativa da inauguración da Cidade da Xustiza mestura galego e castelán. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O rei español, Felipe VI, presidiu esta terza feira en Vigo a inauguración oficial da Cidade da Xustiza, xunto ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda; o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, e a ministra de Xustiza, Pilar Llop, alén doutras autoridades.

No acto descubriuse unha placa conmemorativa desta inauguración que, para sorpresa de moitas persoas, non ten o texto escrito en lingua galega.

De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Felipe VI, Carlos Lesmes e Pilar Llop. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Felipe VI, Carlos Lesmes e Pilar Llop. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

"Su Majestad el Rey inauguró la Cidade da Xustiza de Vigo el día 24 de mayo de 2022", reza, nun perfecto castelán que só inclúe en galego o nome oficial do recinto, Cidade da Xustiza.

Cómpre lembrar que a lei de normalización lingüística recolle no artigo 7, precisamente, que a Xunta da Galiza debe promover "a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza", alén de recoñecer no artigo 1 o galego como "lingua oficial das institucións" galegas.

Un investimento de 40 millóns de euros

Estas novas instalacións darán cabida a 38 xulgados e dúas seccións da Audiencia de Pontevedra. A Xunta da Galiza investiu neste proxecto 40 millóns de euros.

Até 500 funcionarios traballarán na nova Cidade da Xustiza, que conta con 44.000 metros cadrados, que non estarán plenamente operativas até 2023.

A inauguración con presenza da casa real destas instalacións xudiciais é un bo motivo para se preguntar pola situación real da xustiza na Galiza, onde as competencias no que atinxe á súa xestión están transferidas desde 1996 mentres o resto continúan en mans do Estado.

A 31 de decembro de 2021, os xulgados e tribunais da Galiza tiñan 156.027 casos sen resolver, segundo cifras do propio Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Comentarios