A presión social obriga a retirar un cartel galegófobo en Sanxenxo

A asociación ultraespañolista asinaba este polémico valado publicitario na comarca do Salnés.
Valado de Hablemos Español en Sanxenxo (O Salnés). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valado de Hablemos Español en Sanxenxo (O Salnés). (Foto: Nós Diario)

Logo de que o topónimo da illa da Toxa, no Concello do Grove, fora deturpado en numerosas ocasións e coa connivencia da Xunta de Galiza no 'Foro La Toja' que acolle a illa, a comarca do Salnés vén de recibir un novo agravio da súa toponimia.

Sanxenxo amenceu hoxe, e como cada temporada estival nos últimos anos, cun novo e polémico valado. "Bienvenidos a Sangenjo, ciudad que en gallego se llama Sanxenxo", é a mensaxe que dá a 'benvida' a esta vila do Salnés, asinada pola asociación ultraespañolista Hablamos Español. A media tarde desta terza feira, 27 de xuño, após numerosas críticas da veciñanza, o cartel instalado na PO-504 foi retirado.

Unha mensaxe semellante ás utilizadas polo mesmo colectivo noutras ocasións, sempre coincidindo co comezo do verán (cando a vila multiplica de maneira exponencial a súa poboación coa chegada de turistas), e que incumpre claramente a Lei de Normalización Lingüística, que estabelece no seu artigo 10 que o único nome oficial dos lugares da Galiza é o nome galego.

“É claramente unha provocación”, afirma Francisco Leiro, voceiro do BNG en Sanxenxo, a Nós Diario. “Fano a comezos de todos os veráns e fano por provocar. Entendemos que denuncialo é o que eles agardan que fagamos pero tampouco podemos ficar calados e caladas e non denunciar”, engade Leiro.

Desde o BNG aproveitan “a ocasión” para recordar que existe unha lexislación que “dita que só hai unha forma correcta e legal de chamarlle ao noso concello e que esa é Sanxenxo. Sexa en galego, en castelán ou no idioma que sexa”, sentencia Leiro.

Concorda Henrique Monteagudo, integrante da Real Academia Galega, que cualifica a mensaxe de “disparate”. “Están instalados na provocación de encirrar o conflito lingüístico. É ridículo e moi triste que isto teña un apoio na Real Academia Española”, declara Monteagudo a este diario.

Hablamos Español demostra, mais unha vez, a súa fobia contra o galego. “Lamentabelmente hai xente así, pero o tremendo é que isto teña un certo apoio formal nas decisións e nas mensaxes que saen da RAE, que esta si convida a saltar a legalidade”, aclara o académico.

Topónimos deturpados

“Parece que chega a temporada de verán e comezan a chegar esas persoas que pretenden dicirnos como lle temos que chamar aos lugares do noso país e como temos que falar, ademais. E dino moi claramente: ‘hablemos español’”, afirma a este diario Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Maceira teno claro. A mensaxe que Hablamos Español quere mandar coa colocación deste valado na entrada de Sanxenxo é precisamente esa: “queren que falemos español”. Mais o problema non é que un colectivo ultraespañolista instale mensaxes na Galiza mensaxes que deturpan a súa toponimia, senón que “isto vén amparado sistematicamente desde o Goberno galego e desde o Goberno do Estado español”, di o presidente da Mesa.

“Hai que lembrar que aínda hoxe aplicacións como Google Maps continúan a deturpar os topónimos sen que ningunha Administración, nin galega nin estatal, dixera absolutamente nada ao respecto, coas implicacións sociais que ten unha aplicación coma esta”, explica Maceira.

“Moito máis grave aínda cando se continua a financiar desde as Institucións galegas e desde a Real Academia Española (RAE) que se dedican a promover ‘insultos’ como o que podemos ver hoxe en Sanxenxo”, afirma.

E é que en non poucas ocasións a propia academia española, na súa canle de consultas en redes sociais, e incumprindo a lexislación galega vixente, ten “recomendado” usar a “forma tradicional española do topónimo” fóra de usos oficiais.

Tamén a canle de televisión pública española, TVE, afirmou na súa resposta formal a unha espectadora galega que cuestionou o uso de 'Sanjenjo' pola canle pública que o seu Manual de Estilo a obriga a ser "especialmente escrupulosa no respecto á toponimia conforme á legalidade vixente", pero defende que "cando se trate de localidades que posúen oficialmente dous nomes, un en castelán e outro na lingua cooficial, pero ningún cambiado mediante unha lei das Cortes Xerais, deberase empregar o máis utilizado pola audiencia, (se é o informativo estatal, débese usar o castelán) sen que se deba nomear cos dous nomes en paridade de valor".

“A Lei galega é clara. A non ser que agora pretendan tamén ditarlle ao Parlamento galego as leis que ten que aprobar. A Lei de Normalización está en vigor desde hai 40 anos e teñen que cumprila”, sentencia o presidente da Mesa.

Comentarios