Tamén a se facer asinante de 'O Diario Galego'

A ASPG chama a participar na manifestación de Queremos Galego este 17M

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega considera que "grazas ao activismo social, o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra da nosa forza". Aliás, aínda fica moito por "avanzar", salienta o colectivo, que chama a secundar masivamente a manifestación de Queremos Galego do Día das Letras Galegas 2018.

faixa principal
photo_camera Faixa principal da marcha de 2017

A ASPG emitiu un comunicado para remarcar a importancia da mobilización social a prol do idioma e tamén ao mesmo tempo para resaltar a necesidade de o galego dispor tamén de meios de comunicación propios. E nese sentido, fai un convite a se suscribir a 'O Diario Galego', o proxecto de xornal que Sermos prepara para 2018.

Sobre o Día das Letras Galegas, a ASPG enfatiza que a Plataforma Queremos Galega, da que fai parte, porá en valor "o día a día das persoas que fan que a nosa lingua siga viva". Colectivos e galegas que terman da supervivencia dun idioma que "non só non conta con amparo institucional, senón que recibe desamparo e agresividade sistémica".

E en relación a 'O Diario Galego', a asociación afirma que "necesitamos achegármonos un pouco máis á normalidade que como País precisamos e o máis normal é ter medios de comunicación no idioma que nós criamos". Daí que a ASPG participe como tal nun "proxecto colectivo que ten como horizonte dotármonos dun diario en galego, ergueito sobre o marco da pluralidade, o diálogo e o compromiso de todas as asociacións e organizacións colectivas que detectan as necesidades e confían nas capacidades dunha Galiza real".

Comentarios